#Sermos304: Unha CRTVG cada vez menos propia

Máis un número saído do prelo. Entrevistamos a deputada do PSOE Pilar cancela e a poeta Pilar Pallarés, tratamos a dificultade ser nai na cidade neo-liberal, a lei de Portos pásalle factura ás festas tradicionais… Todo isto e máis xa na nosa loxa.

O servizo público reducido á mínima expresión. Nos últimos anos, a dirección da CRTVG foi rebaixando os contidos realizados polo persoal propio até externalizar cara a empresas privadas gran parte da actual programación e dos recursos técnicos. Un elo máis na cadea de control, malia as numerosas denuncias contra estas prácticas privatizadoras e de cesión ilegal. Continuamos afondando no desmantelamento do ente público. ‘A grella da CRTVG, en mans de produtoras’.

 

‘Poñer os portos galegos de costas á súa veciñanza’. Festas tradicionais ameazadas, actividades deportivas suspendidas, sangría nas caixas de concellos e asociacións culturais e veciñais... A lei aprobada en solitario polo PP en decembro para os espazos portuarios galegos comeza a pasar factura.

’A dificultade de ser nai na cidade neoliberal’. A xornalista Marga Tojo reflexiona sobre a maternidade nun ensaio.

 

O proceso de renovación do PP estase a converter nun calvario para Alberto Núñez Feixóo após ser apartado primeiramente da carreira sucesoria e derrotado nas primarias ao alzarse coa vitoria estatal Soraya Sáenz de Santamaría e comprobar como Dolores de Cospedal era rexeitada por máis do 60% da militancia galega. Agora atópase co partido dividido na Galiza e con perto das 40% das compromisarias e compromisarios apoiando a Soraya. ‘Os populares galegos acoden fracturados ao congreso do PP’.

 

Entrevistamos Pilar Cancela. O seu nome soaba nas quinielas para formar parte do Executivo de Pedro Sánchez, con quen admite unha afinidade persoal e ideolóxica. Presidiu a xestora do PSdeG, nomeada desde Ferraz, após a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro, e hoxe coordina as deputadas e deputados galegos do PSOE no Congreso. Recoñece que sería unha honra representar Galiza cun Ministerio, mais asegura que “as reivindicacións do PSdeG ao Goberno de Pedro Sánchez no que ten a ver con Galiza non van perder”.

 

‘Europa cerna a pluralidade’. A reforma electoral traba a representación das forzas nacionalistas. ‘Cen anos de ‘Madiba’. O 18 de xullo cúmprese o centenario do natalicio de Nelson Mandela.

 

Chegou xullo e axiña virá agosto. Meses de vacacións, de tradicional suba das temperaturas e de baixa estacional nas persoas rexistradas no paro. Meses tamén nos que a precariedade laboral fai o seu agosto en sectores non só da hostalaría ou turismo senón tamén noutros como a sanidade pública. ‘A precariedade laboral traballa no verán’.

 

‘Galiza no mapa da raíña Sancha’. Recuperamos desta volta unha cartografía promovida á altura de 1047 pola raíña Sancha I para a educación dos seus fillos. Recóllese o Iberus (actual río Ebro) como fronteira divisoria entre Gallecia, denominación do reino cristián peninsular, e Spania, área ibérica gobernada polos arabés.

“Falo sobre a aniquilación e a derrota dunha clase social”. Entrevistamos Pilar Pallarés. Sete anos despois do último poemario de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), o editor de Chan da Pólvora, Antón Lopo, peta na súa gorxa. Logo da longa espera, chega aos andeis ‘Tempo fósil’, cunha delicada edición en azul prusia brillante deseñada por Manuel Martínez. No libro, a voz poética aborda –como un gato, con distancia e entrega absoluta–, a nada que, após erixirmos todo, imos deixar atrás.

 

Trinta e seis asociacións culturais de base escolleron, por quinto ano, a carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, para compartir e celebrar o seu traballo. Organizado pola Casa Museo Manuel María, o Convivio da Cultura Galega será o sábado, 14 de xullo. ‘Festa no lugar onde escribía Manuel María’.

 

Non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, David Otero, Marga Do Val, Mario Regueira, Andrés castro ou Tokio.