#Sermos301: A marcha atrás de Feixóo

Cinco analistas opinan sobre a decisión de Núñez Feixóo de non concorrer á secretaría xeral do PP, debullamos entre os libros infantís e xuvenís ceibes de estereotipos sexistas, falamos de se está o alugueiro a ser a nova burbulla inmobiliaria e falamos dos escándalos no máximo órgano do fútbol. Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

‘A nova burbulla inmobiliaria’. O mercado do alugueiro ou arrendamento na Galiza está marcado pola “tensión” entre unha gran demanda e unha oferta reducida, o que provoca que os prezos leven meses experimentando incrementos descoñecidos até o de agora. A precarización salarial e laboral que fai imposíbel mercar unha vivenda, a irrupción con forza do negocio do piso ou vivenda residencial, o desembarco de grandes investidores... Todo suma para navegar cara á treboada perfecta.

 

Xusto o día en que se publica o número 301 de Sermos Galiza, remata o curso académico non universitario. Unha data propicia para avaliar o papel da Consellaría de Educación nos últimos meses. Asina esta análise Anxo Louzao Rodríguez, quen fora, ao longo de 16 anos, secretario nacional da CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector. ‘Un curso escolar con suspenso xeneralizado’.

‘Libros infantís e xuvenís ceibes de estereotipos sexistas’. Literatura aberta, plural, variada, sen estereotipos nin roles de xénero, respectuosa e diversa. Isto é o que persegue “GenderIdentitity: Child Readers and Library Collections, G-Book”, un dos proxectos gañadores de Creative Europa, un programa marco da Comisión Europea. A iniciativa leva consigo a creación da primeira bibliografía europea de libros infantís e xuvenís, un catálogo en liña no que a Universidade de Vigo participa como única institución de ensino superior do Estado.

 

A deputada de Benestar Social, Educación e Igualdade, Ánxela Franco, insiste na necesidade de que as institucións actúen “para darlle volta a unha situación gravísima e insostíbel como é o machismo e a súa violencia”. ‘A Deputación da Coruña pon o foco na loita contra a violencia machista na mocidade’.

 

Contra case todos os prognósticos, Alberto Núñez Feixóo non marcha á política madrileña. Tamén contra os desexos que, implicitamente, vén amosando ao longo dos últimos anos e, de xeito intenso, nos últimos meses. O presidente da Xunta era presenza habitual nos medios de comunicación da meseta, opinador de garda e hábil á hora de se desmarcar do PP nos intres de dificultades. Cando espectadores e compañeiras de partido daban por feito que sería el o encargado de reconstruír a principal organización da dereita española, freou. Antón Losada, María Xosé Porteiro, Antón Baamonde, Carme Adán e Miguel A. Bastos opinan sobre a decisión.

 

A Galiza de 2018 non é a de 1981, como tampouco o é o Estado español, Europa ou o mundo. Mais no país continúa a rexir o estatuto aprobado naquela altura e a maioría do PP aposta en afogar calquer mínimo debate sobre a necesidade de reforma estatutaria ou de se dotar dun novo marco. Desde a oposición, porén, apostan en iniciar o camiño cara a un maior autogoberno. ‘Un país que non pode agardar máis’.

 

En Juan José Ibarretxe (lehendakari entre 1999 e 2009) o carácter de ciencia social da economía adquire unha dimensión radical. A súa experiencia baseada nos traballos de colaboración con universidades de todo o mundo a través do Agirre Center sitúao como unha referencia imprescindíbel non só para entender o mundo actual, senón para formular un paradigma moderno de como o local ten un amplo espazo que aproveitar para, como el mesmo di, estar nese novo mapamundi. “Hoxe nin Galiza nin o País Vasco estamos no mapa do mundo”.

 

O novo Goberno de Sánchez só procurará modificacións puntuais pactadas coa patronal. ‘Desbotadas as derrogacións das reformas laborais’.

 

‘Mundiais de corrupción’. O balón roda en Rusia, que acapara os focos internacionais coa disputa do Mundial de Fútbol 2018. A cita chega nun momento oportuno para mover a un segundo plano os escándalos que, durante os últimos tres anos, veñen sacudindo a cúpula do fútbol mundial. Cultura do silencio, subornos, branqueo de capitais, asociación ilícita... a lista de acusacións que acumulan exaltos mandatarios da FIFA parecen máis propias dunha causa contra o crime organizado que contra un organismo deportivo.

Andrés Castro e María Fanjul veñen de gravar Atopando o Camiño, unha curta sobre a iniciación á vida adulta e sobre as aventuras de grupo. Conversamos co crítico de cinema de Sermos Galiza ao respecto. “Din que os críticos de cinema son cineastas frustrados”.

 

‘Purificacións no solsticio do verán’ É a noite máis curta do ano. O solsticio de verán vénse celebrando desde o pasado máis remoto e, desde entón, son milleiros as fogueiras que iluminan o 23 de xuño o mapa da Galiza. O San Xoán, festa de orixe pagá, forma parte da tradición e do patrimonio cultural. Poucas celebracións teñen tal nivel de implantación e enraizamento popular, ademais da rica e vizosa tradición histórica.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, María do Pilar García Negro, Xavier Queipo, Nachortas e Tokio, Distrito Xermar, Iago Varela, Pepe Barro, Julián Bustelo, Mario Regueira, Andrés castro, Colectivo Xea e Jasper Nao.