#Sermos300: trescentos números en seis anos, no camiño dun diario

Parte da ilustración de Leandro Lamas para a capa do número 300 de SG.

Máis un número do semanario na rúa e este fai unha cifra redonda: 300. Entrevistamos Zaza Ceballos, directora de ‘Contou Rosalía’, e Francisco García, que vén de anunciar que deixa a alcaldía de Allariz após 18 anos no cargo. Falamos das condicións laborais nos locais de comida rápida en Galiza, do esgotamento das rías galegas ou das tarefas galegas para o goberno de Pedro Sánchez. Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

O 8 de xuño de 2012 publicábase o primeiro número de Sermos Galiza, o medio que supuxo o retorno semanal do galego aos quioscos. 300 números despois, o proxecto informativo continúa coa súa cita con subscriptoras e lectoras, medrando, atendendo a realidade dun país que tamén quer existir no papel. ‘O papel sobre o que contar un país’.

 

Falamos con  Adela Leiro e Mon Daporta. Após unha vida dedicada ao ensino e cunha morea de publicacións ás súas costas, esta parella de Cambados, tan achegada á terra e lonxe de acomodarse na xubilación, publica agora ‘Galiza, un país de primeira’: “Antes estábamos en comuñón coa contorna e agora estámolo co supermercado”.

A Universidade de Vigo vén de facer público o seu estudo sociolingüístico, que demostra que en xeral aumentou o nivel de competencia no uso do galego por parte do persoal de administración e servizos, o profesorado e o alumnado, pero que esta mellora no coñecemento non se reflicte en igual medida nun incremento do uso habitual do galego na contorna universitaria. ‘Cando aumenta o dominio do galego, mais diminúe o seu uso’.

 

Entrevistamos Francisco García, que vén de anunciar que daba un paso ao lado e entrega o relevo a Cristina Cid, até agora concelleira de Promoción Económica, após 18 anos como alcalde: “Allariz supón un exemplo de cómo se pode transformar a realidade municipal e facelo a favor dos vecinos e veciñas”.

 

‘Tarefas galegas para o Goberno de Pedro Sánchez’ O novo Goberno do Estado recadou apoios variados no Congreso, do independentismo a Podemos. Tamén na Galiza, onde as tres forzas da oposición a Feixóo celebraron o derrubamento de Mariano Raxoi. Mais sobre todo o BNG e En Marea non queren estender un papel en branco e esixen compromisos concretos. As infraestruturas centran as tarefas galegas para o Executivo do PSOE.

 

Un sector de contratos parciais, sen horarios nin salarios fixos e inzado de traballadoras que só están de paso. Como o peixe que morde a súa propia cola, a alta rotación provoca unha acusada debilidade do movemento sindical que, ao mesmo tempo, é retroalimentada polas propias características do traballo. Ninguén pensa en dedicar toda a súa vida a preparar hamburguesas cunhas condicións como as actuais. ‘Comida rápida, traballo efémero’.

 

‘Unha ría exhausta’ Cando en novembro pasado o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galiza confirmou a mellora microbiolóxica do banco das Pías, o máis produtivo de ameixa babosa ou macho do país, coa súa reclasificación como zona B, fechábase unha etapa de máis de doce anos nos que as restricións á extracción marisqueira foron practicamente permanentes. Queda, con todo, moito camiño por andar.

A cartografía de Pietro de Vesconte, que data do ano 1311 ou do 1325, significa para o espazo ibérico os territorios de Galitia (Galiza), Yspania, neste caso xa referido a unha parte aos reinos cristiáns, Catalunya, Aragón, Portugale e a área árabe. Trátase do mapa que marca a renovación da cartografía europea do século XIV. ‘Galiza á vista de Peitro de Vesconte’.

 

‘Cara a una cultura creativa, feminista e premiada’. A Deputación da Coruña pechou o pasado 9 de xuño o ciclo “A Cultura é un Dereito”, tres xornadas que, en palabras da vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, responden a “un xeito de entender a necesidade dunha política cultural cos ollos postos na xente”. “A escena galega sobre o palco do Colón” foi a derradeira volta dun programa dirixido “ás persoas que crean cultura e á totalidade da poboación, pois o acceso a ela é un dereito recoñecido legalmente”.

 

Zaza Ceballos, veterana da televisión, dirixiu biopics sobre Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Juana de Vega. E vén de estrear o telefilme ‘Contou Rosalía’, a primeira aproximación á poeta desde a imaxe en movemento: “Preocupábame se o guión era demasiado atrevido para a televisión”.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, David Otero, Marga do Val, Nachortas, Tokio, Francisco Castro, Miriam Ferradás, Mario Regueira, Andrés Castro, Colectivo Xea…