#Sermos299: mestrados baixo sospeita

Neste número do semanario: centros privados publicitan títulos non recoñecidos, a eterna hipoteca do Gaiás, a moción decensura en Madrid axita o taboleiro na Galiza, entrevistamos Antonina Semedo, activista caboverdiana; e Antón López (Trexadura)… Todo isto e máis, xa na nosa loxa.

O “caso Cifuentes” destapou irregularidades relacionadas coa impartición e expedición de títulos de mestrado na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid que seguen a ser investigadas en sede xudicial. A institución, moi vencellada ao PP (fundouse sendo Ruiz-Gallardón presidente da Comunidad de Madrid), tamén ten tentáculos na Galiza. ‘Mestrados en cuestión’.

 

‘A eterna hipoteca do Gaiás’ En 2013, o PP apoiou unha inciativa parlamentaria do Bloque para paralizar a construción da Cidade da Cultura. Sen previo aviso, a dereita sumábase ás posturas da oposición que, no medio do vendaval económico, esixía cando menos moderación no megalómano proxecto. Mais as tornas mudaron. Un novo edificio, do que non transcenderon máis detalles que a súa estimación orzamentaria, levará as pas a un monte Gaiás cuxos usos e utilidades distan de ser claros.

 

Clamor contra a mina de Touro’. Manifestación o domingo ás 12h., desde a Alameda de Compostela. Contámosche os por ques desta manifestación.

Entrevistamos  Antonina Semedo, activista caboverdiana: "Para min é como se xa recibise a Medalla Castelao". Afincada na Mariña lucense desde hai 40 anos, este ano, un colectivo de veciñas artellou unha iniciativa para que lle sexa concedida a Medalla Castelao polo seu incansábel labor como activista, mediadora, artista e, en xeral, forza motriz no familiar e comunitario.

 

‘A moción axita o taboleiro na Galiza’ O novo Goberno español chegou de súpeto e por sorpresa. As consecuencias políticas para Galiza, cuxas forzas de oposición apoiaron a caída de Raxoi, están por ver. Polo momento, a dereita inicia debates sucesorios aquí -Feixóo como recambio- e acolá. E á esquerda e ao nacionalismo preocúpalles o papel do país nunha hipotética reformulación territorial do Estado se finalmente o PSOE enceta o diálogo co soberanismo catalán.

 

A piques de finalizar o curso político 2017-2018, e de camiño a que se chegue ao meridiano do terceiro mandato de Núñez Feixóo, máis perto de Madrid que nunca, desde a oposición o balanzo que se fai destes dous anos sinala incumprimentos, esquecementos e unha xestión con máis palla que gran. ‘Dous anos en balde’

 

A peor herdanza da crise. A cronificación do desemprego afecta 90.000 persoas na Galiza, 50% das persoas no paro. ‘Ricos máis ricos, pobres máis pobres’ Cando os chamados mercados “desregulados” resultan ser mercados regulados polos poderes económicos que operan alén do mercado.

 

‘A muller que encheu os barcos de indios e vaqueiros’ Waldina Pereira foi emigrante no Uruguai, abriu un negocio no Carril dos anos 40, sendo apenas unha moza, e foi pioneira no intercambio de novelas

Entrevistamos Antón López, un dos membros fundadores de Treixadura: “As creacións de Treixadura están feitas por xente que viviu e mamou a música tradicional”.

 

Neste número, una nova entrega da sección Eira das Mouras, na que o arqueólogo e museólogo FelipeSenén reflexiona ao redor da relación entre a auga e a arquitectura, pondo a ollada na realidade galega do pasado e do presente.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Pepe Barro, Mario Regueira, Marilar Aleixandre, Guillerme Vázquez, Belem Tajes, Andrés Castro, Mónica Pazos, Colectivo Xea, Xulio Carballo, Tokio e Nachortas.