#Sermos294: Ás portas dunha greve xeral

Máis un número que sae do forno. Entrevistas ao pintor Xulio Maside e a eurodeputada Lidia Senra, falamos do fracaso do Pladiga para loitar contra os incendios, da greve xeral do 19 de xullo, o paradoxo da toponimia restaurada e da antroponimia deturpada. Afondamos no novo número, dedicado á figura de María Victoria Moreno, publicado por  ‘De Nós. Monografías con perspectiva galega’. Todo isto e máis xa na nosa loxa.

A onomástica é un dos campos do léxico que máis se resiste á restauración lingüística. Este ámbito aínda resulta máis conservador cando nos referimos aos apelidos. Dado o seu carácter hereditario, os apelidos son menos dados aos cambios. Aquí dáse un paradoxo: mentres hai formas restituídas na toponimia, os apelidos coincidentes (de orixe toponímica) continúan castelanizados. ‘O topónimo si, mais o apelido non mo toque’.

 

‘Seguimos na mesma, e os lumes á volta’. Quen fora director xeral de Montes da Consellaría do Medio Rural na etapa do Goberno bipartito, Alberte Blanco Casal, debulla para Sermos Galiza o contido do PLADIGA 2018, que vén de ser presentado no Parlamento galego. Blanco Casal tamén é o coordinador do libro O monte galego. Caos ou aproveitamento multinacional?, editado por Sermos Galiza en 2017’.

“Cada medida que se toma en Bruxelas é un trasvasamento do público ao privado”. Entrevistamos Lidia Senra (A Pobra de Brollón, 1958), que foi eleita en 2014 eurodeputada pola Alternativa Galega de Esquerdas en Europa (AGEe), unha confluencia que xa non existe. Explica que ela continúa co seu traballo na Eurocámara (“a institucional é unha loita máis, non necesariamente a máis importante”) para dar voz en Bruxelas, indica, ás loitas que se están a dar na Galiza en diferentes frontes: da defensa da terra á pesca artesanal, da preservación do patrimonio ao sector leiteiro.

 

As iniciativas impulsadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra para o tratamento dos residuos orgánicos confrontan cos poucos avances nesta materia por parte do Goberno galego, malia os reiterados compromisos e normativas que lle impoñen avanzar nesa dirección. Galiza só recupera, quer por reciclaxe ou compostaxe, un 20% do que recolle. ‘A aposta “irreversíbel” na compostaxe en Pontevedra.

 

 

Os reitorados de Compostela e Vigo mudaron de inquilino a semana pasada. Feixóo centrou a última sesión de control en anunciar a conxelación das taxas universitarias e rebaixas no prezo dos mestrados. As greves estudantís sucédense. O xiro neoliberal da universidade parece consolidarse, a dicir de parte da oposición. As forzas políticas coinciden, iso si, na importancia dunha institución castigada polos recortes dos gobernos do PP e as estratexias de integración europea. ‘A crise aínda condiciona o día a día da universidade’.

 

A xornalista Tareixa Navaza e o escritor e editor Xosé Ballesteros fálannos das súas ideas e expectativas sobre ‘O Diario galego’.

 

O desafío de Carolina Bescansa ao liderado de Pablo Iglesias, a purga do 70% da estrutura municipal da formación morada e o retroceso nas enquisas marcan un complexo punto de partida de cara aos comicios municipais, autonómicos e europeos do ano próximo. ‘Podemos entra en ebulición’.

 

Terza feira, 19 de xuño. É a data proposta pola CIG para unha greve xeral para a que, defenden, “sobran as razóns” perante unha situación de “emerxencia nacional e social” que non fai senón agravarse. Unha proposta que non xorde por espontaneidade nin voluntarismo e que tende a man a outras organizacións sindicais. ‘19X: a moción de censura da clase traballadora’.

‘Lois Peña Novo e o soño do desenvolvemento I’. Con motivo da publicación da obra Lois Peña Novo: o soño do desenvolvemento de Galicia (Instituto de Estudos Chairegos), o seu autor, o profesor Manuel Roca Cendán, recupera para Sermos Galiza as principais achegas de quen foi o principal estudoso da economía galega no primeiro terzo do século XX. Eis a primeira parte da análise.

 

“Debuxaba dentro do quirófano. Daba cor con batedine”. É difícil comprender a pintura galega da segunda metade do século XX sen Xulio Maside (Vigo, 1933). Médico anestesista de profesión, pintor figurativo con tendencia expresionista e pegada do cubismo, sobriño de Carlos Maside, foi ademais activista cultural de relevo. Falamos de vagar con el neste número do semanario

 

‘De Nós. Monografías con perspectiva galega’, a nova cabeceira que lanzou Sermos Galiza S.A. neste 2018, edita un novo número, dedicado á figura de María Victoria Moreno, a quen a Real Academia Galega decidiu homenaxear o Día das Letras Galegas do presente ano. Afondamos nunha publicación que, dado o seu valor literario e divulgativo, ficará na memoria.

 

E non faltan as achegas dos colaboradores: Xoán Costa, Luz Darriba, Mercedes Queixas, Nachortas e Tokio, Francisco Castro, Mercedes Espiño, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés Castro, Manuel Xestoso, Iolanda Gomis.