#sermos293: Máis de 80 días en loita na xustiza

Máis un novo semanario saído do forno. Reportaxe sobre o Primeiro de Maio, aumento da conflitividade laboral e social, o avance da praga da couza guatemalteca, entrevistamos o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; e a escritora Rosalía Fernandéz… Todo isto e máis xa na nosa loxa.

Precariedade e temporalidade laboral, baixos salarios, emigración, recortes en liberdades e dereitos sociais e laborais, alargamento da desigualdade, cronificación do desemprego de longa duración... O Primeiro de Maio, tan vixente como sempre. “Ferreiras dun mundo mellor”.

 

‘As rúas e as fábricas volven latexar’. As sociedades funcionan simultaneamente a diferentes velocidades. O intre político e o intre social non sempre van acompasados. Mobilizacións como o 8M ou a dos pensionistas, e o crecemento da conflitividade laboral indican que Galiza se move e os gobernos do PP non están tan seguros

‘Primeira visita escolar a Sermos Galiza’. Un total de 25 alumnas e alumnos do IES Espiñeira de Boiro -acompañados de dous profesorescoñeceron a pasada segunda feira as instalacións de Sermos Galiza, S. A.

 

As funcionarias e funcionarios da Xustiza acamparon, a pasada segunda feira, perante San Caetano. Un recordatorio constante no corazón do poder. É unha das máis longas folgas na historia da Administración: 80 días cunha elevada porcentaxe de participación. A Xunta, porén, dilata a negociación no que os sindicatos entenden como estratexia de desgaste das traballadoras e traballadores, que reclaman a igualación salarial cos seus pares do Estado. ‘A folga máis longa’.

 

A nova Lei de contratos do sector público, que vén de entrar en vigor, provoca preocupación nos pequenos concellos galegos por entender que non é acaída á súa realidade, e que vai ter prexuízos. ‘Máis un afogamento para os pequenos concellos galegos’.

 

Sermos Galiza fai seis anos neste vinte e seis de abril. Seis anos na súa versión dixital porque a outra, o semanario en papel, fai anos, tamén seis, o 8 de xuño. Asina este texto Xoán Costa, presidente do Consello de Administración e conselleiro delegado de Sermos Galiza, S.A.’ Seis anos de vida e un diario en papel por diante’.

 

‘A revolución abre unha nova etapa’. A elección de Miguel Díaz-Canel simboliza o relevo xeracional ern Cuba.

 

“Que máis ten que pasar para que haxa una folga xeral?”. Entrevistamos Paulo Carril, secretario xeral da CIG, días antes de que teña lugar o 1 de Maio, data que este ano vén marcada polo chamamento a acumular forzas para encetar o camiño que leve a unha folga xeral. Amósase convencido de que é hora de intensificar a mobilización para obrigar o PP a “retroceder nas súas posicións antisociais e antiobreiras” e que, advirte, “permanecen inalterábeis no proxecto de orzamentos xerais do Estado”, e salienta a problemática das pensións como cuestión clave da greve.

 

Pasaron case tres anos desde que se declarou oficialmente a presenza da couza guatemalteca na Galiza. Os primeiros sinais que chegaban desde Neda, Ferrol e Narón estendéronse con velocidade até afectar máis dunha trintena de concellos. Agora –cando esta praga que devora as patacas parecía delimitada nas comarcas da Mariña, Ferrolterra e Ortegal– veñen de detectarse novos casos en Muxía. ‘A praga da pataca avanza sen freo’.

Moitas vidas, non só as nove que remataron na adega, quedaron truncadas pola traxedia no porto do Berbés. A xornalista e escritora Montse Fajardo recupera os feitos para Sermos Galiza, cando veñen de facerse 81 anos.  ‘A estela triste do Bou Eva’.

 

Mario Regueira entrevista Rosalía Fernández Rial: “A relación entre a música e a literatura aínda ten campospor explorar’.

 

“É tempo… dos maios”. Estamos co pé en maio, mes en que ten lugar a festa homónima que celebra a fin do cru inverno e a chegada da primavera e dun florecer que acabará dando sementes, e rexeneración. Tempo en que se conmemora a Árbore da Vida, coas raíces na terra e as pólas á luz. Felipe-Senén, arqueólogo e museólogo, diríxenos á orixe dos Maios.

 

E non faltan colaboracións e achegas de Xoán Costa, Pilar García Negro, Nachortas, Tokio, Xavier Queipo, Iago Varela, Julián Bustelo, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés Castro, Jásper Nao, Pepe Barro…