#Sermos287: as mulleres, en loita pola igualdade real

Máis un semanario saído do prelo. Aproveitando a súa recente visita a Galiza, conversamos de vagar con Kathleen March, a quen se lle deben algunhas perspectivas pioneiras ao redor da obra de Rosalía de Castro. Entrevistamos Concepción Burgo, deputada do PSdeG, achegámonos á realidade da asistencia doméstica, damos conta do nacemento da plataforma social Vía Gelga… Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

Dous días após a greve convocada con motivo do Día Internacional da Muller, as traballadoras e traballadores sairán á rúa para conmemoraren o Día da Clase Obreira Galega. Do asasinato de Amador Rey e Daniel Niebla, operarios de Bazán, o 10 de marzo de 1972 nun ataque da policía franquista en que resultaran feridos medio cento de persoas, abrollou a batalla pola defensa dos dereitos da clase traballadora galega. Da folga do 8M ao Día da Clase Obreira Galega.

 

‘Quen coida da que coida?’ Maiores e dependentes son un sector social vulnerábel que adoita ficar esquecido e, aínda detrás delas e deles, fica a figura das coidadoras.

 

O desmantelamento da sanidade pública vai alén dos discursos de sindicatos e forzas políticas da oposición. Padéceno as persoas pacientes. A Manuela, con fortes dores na zona lumbar e nas extremidades, veñen de prescribirlle unha radiografía para o 20 de febreiro de 2018, mentres que Carolina foi unha das afectadas polo parón dun mes após a substitución do TAC do Hospital Teresa Herrera da Coruña. ‘Un ano… para unha radiografía’.

“En cultura a Xunta dedícase a que lle protesten o menos posíbel”. Entrevistamos Concepción Burgo. Hai unhas semanas, a deputada de PSdeG puxo o foco sobre as maneiras en que a Xunta concedeu tres millóns de euros á unión temporal de empresas que xestionará o festival O Son do Camiño. “É un contrato a dedo non sabemos para facer o que”, pregúntase, e asegura que pode haber irregularidades legais. O episodio sérvelle, ademais, como exemplo do que critica na política cultural do Goberno galego: “As cousas non se poden facer así”.

 

Impulsada inicialmente por sete fundacións, Vía Galega xa reúne máis de 50 entidades, organizacións e colectivos de todo o país ao redor da defensa de Galiza como nación e os dereitos que diso derivan. Traballar para crear e estender conciencia nacional ao tempo que se alicerza a necesidade dunha voz de seu para o pobo galego son os seus obxectivos. “Unha vía para una Galiza de seu”.

 

Conversamos coa catedrática e profesora de filosofía Carme Adán e co profesor da USC Carlos Quiroga sobre O Diario galego.

 

En Internacional, debullamos a actualidade catalá e o escenario que fica en Italia após as eleccións.

 

 

Non houbo sorpresa e o pleno da Sala Primeira do Tribunal Supremo vén de decidir que é o prestatario, isto é, a clienta ou cliente, quen debe asumir en exclusiva o pagamento dos dous importes máis grosos da factura dos gastos de constitución da hipoteca: o imposto de transmisións patrimoniais e os actos xurídicos documentados, que, en conxunto, nomeadamente este último, supoñen entre o 60 e o 70% do total dos gastos. ‘A banca gaña (outra vez)’

Un informe do Colexio de Economistas volve advertir que a economía galega presenta importantes eivas a solventar. Desde os peores anos da crise a situación mellorou, mais iso non pode levar a perder de vista que outros territorios á par do noso melloraron máis. E iso pasa factura. ‘Galiza pincha en competitividade’.

 

“Ás veces non vos decatades da forza que ten a vosa lealdade á lingua galega”. A Kathleen March (Rochester, Nova York, 1949) debésenlle algunhas abordaxes pioneiras sobre a obra de Rosalía de Castro. Atada a Galiza e á súa cultura desde que nos Estados Unidos recibiu clases dun profesor galego, March foi, entre 1982 e 1985, a primeira presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos.

 

Poñemos a ollada na represión da Ribeira Sacra após o golpe de Estado de Francisco Franco. Como exemplo, a cantidade de reclusos do cárcere de Monforte, unha cifra que chegou a sorprender o fotógrafo Erich Andres, un alemán ligado aos servizos secretos nazis. As cifras recollidas nesta análise dan conta da dimensión desta represión. En 'O franquismo: unha condena para as mulleres' falamos como o traballo feminino, maioritariamente de baixa cualificación e mal remunerado, foi fundamental para loitar contra a fame da Galiza de posguerra.

 

Ademais, non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Marilar Aleixandre, Nachortas e Tokio, Guillerme Vázquez, Pepe Barro, Mario Regueira, Andrés castro, Colectivo Xea, Belén Tajes, Mónica Pazos, Olaia Ledo ou Xabier Carballo.