#sermos284: do eucalipto ao castiñeiro, as alternativas á eucaliptización

Xa saíu do prelo un novo número do semanario. Entrevistamos Suso de Toro e Ánxela Franco, adentrámonos na loita do persoal de xustiza, radiografamos o novo pop en galego ou analizamos o desgoberno na patronal galega. Isto, e máis, xa na nosa loxa.

 

Cogomelos, froitos do bosque, castiñeiro ou piñeiro. Estas son algunhas das alternativas descritas polas persoas expertas ás que Sermos Galiza lles lanzou a pregunta de se existe unha alternativa economicamente viábel á eucaliptización. Iso si, todas destacan que cómpre crear unha industria que lles engada valor. ‘Vida para o monte galego máis alá do eucalipto’.

 

‘Unha xustiza discriminada’ Entre as demandas principais do persoal xudicial está a equiparación dos seus salarios, os máis baixos do Estado entre os territorios coa competencia transferida; o dereito a baixa médica sen penalización, pois perden a metade do soldo durante os primeiros tres días; ou o reforzo das prazas fixas, após a amortización dun cento delas nos últimos anos.

Falamos con Pepe e Marisa, que teñen desde hai máis dun ano un composteiro individual na horta da súa casa en Vilaboa, un dos concellos que serán pioneiros na Galiza ao aplicar a compostaxe de xeito xeralizado. “Varrer dá traballo, a compostexa non”.

 

Entrevistamos Ánxela Franco, concelleira en Porto do Son e deputada na Deputación da Coruña responsábel da Área de Igualdade e de Benestar Social.

 

Ouvidos xordos á mobilización social e desprezo á oposición parlamentar. Actitudes para sacar adiante unha Lei de Saúde que acumulou ao longo destes meses rexeitamentos e críticas desde amplos sectores. Ao PP non lle treme o pulso para tramitar unha lei que acelera, denuncian as e os críticos, o proceso de privatización e desmantelamento da sanidade pública que se vive desde que Feijóo accedeu á Xunta de Galiza. ‘Unha lei na que nos xogamos a saúde’.

 

‘Madrid opta pola guerra de desgaste contra o soberanismo’ A nova ofensiva xudicial tenciona bloquear o inicio da lexislatura. Máis de 400 nenas e nenos palestinos fican en prisión en Israel. Desde o ano 2000 foron 8 mil as crianzas detidas polo réxime sionista, na súa política de represión e ocupación. Ahed Tamimi está a recibir grande atención mediática, mais o seu caso é un máis de entre centos. É o rostro da violencia do Estado de Israel contra o pobo palestino. ‘Ahed Tamimi, o rostro da violencia sionista contra as crianzas’.

 

‘Drenar salarios para beneficios empresariais’ Entre o inicio da década dos oitenta e hoxe a participación dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos. Un descenso que foi en beneficio das rendas de capital e que evidencia un transvase que non tivo comparanza nin noutros territorios do Estado español nin no contexto europeo.

‘Desgoberno na patronal galega’ A organización empresarial afronta unhas novas eleccións, marcadas polas discrepancias entre os líderes e sen ningún candidato de consenso.

 

É unha das grandes cartografías da cultura árabe de matriz persa. Elaborado a camiño entre o século X e o XI, dátase como ano do seu remate 1030, sendo decisiva a súa influencia noutros mapas posteriores. ‘O Reino de Galiza  no mapa de Al Biruni’.

 

No escritorio de Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) hai dous libros no medio do camiño, unha novela e unha comedia teatral “de enredo”. Outro máis, un ensaio, talvez nunca acabe de nacer. “Xa non creo que o escriba”, confesa na entrevista que publicamos neste número. Título si tiña: Cómo intenté ser español y no me dejaron. Porque De Toro busca agora “o gozo de escribir unha historia”. Desa paixón alegre xurdiu Fóra de si (Xerais, 2018), a historia do neurocirurxián Ricardo Marzoa coa que, orgulloso, se desdí. Hai oito anos anunciara o seu abandono da literatura. “Recuperei a fe”, explica.

 

Algo raro pasa raro, diría Antón Reixa, no pop de Galiza. Mandan as guitarras lixeiramente distorsionadas, as mulleres toman os instrumentos e ninguén pide permiso nin dá explicacións por cantar en galego. A independencia total, por escolla ou por necesidade, caracteriza a escena. ‘Independencia e melodía. Novísimo pop galego’.

 

Ademais, non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, DavidmOtero, Machortas e Tokio, Marga do Val, Francisco Castro, Mercedes Espiño. Colectivo Xea, Andrés Castro, Mario Regueira, Miriam Ferradás, Manuel Ferreiro.