#sermos283: os bancos gostan do diñeiro, da lingua non tanto

O diñeiro negro vai en aumento no Estado

Máis un número saído do prelo. Caderno especial de 16 páxinas sobre o entroido, a exclusión do galego nas entidades financeiras, entrevistas a M.A Fernán Vello e Xabier P. Docampo, adentrámonos nas historias que ocultan os topónimos… todo isto e máis xa na nosa loxa.

 “Durante la duración del contrato nos comunicaremos con usted en castellano”. Así reza o “régimen lingüístico” dunha cláusula dun contrato tipo de Abanca, denunciado pola Mesa e polo que pide explicacións á Xunta. En declaracións a Sermos, a filial de Banesco defende o “seu compromiso coa normalización” pero admite que, por exemplo, non é posíbel abrir unha conta corrente en galego. Analizamos se a aposta no idioma propio neste e outros bancos vai máis alá da publicidade, ou é pura mercadotecnia. ‘Asinar un contrato en galego cun banco aínda é case unha utopía’.

 

O entroido ten un tatamento especial, é o que protagoniza o A Fondo, cun caderno de 16 páxinas nas que viaxamos polas citas máis importantes do país nestes días, de Vianad do Bolo a Cobres, de Salcedo a Verín, e moitos lugares máis.

 

A caza do raposo está no punto de mira logo dos últimos campionatos no país, que estiveron marcados por unha ampla oposición social. Decenas de colectivos animalistas e forzas políticas esixiron a abolición destas prácticas, que contan co apoio e o financiamento da Xunta malia contravir a propia lexislación. ‘Cando competir por matar raposos é considerado deporte’


Topónimos que contan historias: “Aughacalada”, “Mortouvivo” Non hai nomes de lugares por casualidade. Todos eles teñen un porqué. A súa orixe pérdese na noite dos tempos, transmitíndose xeración tras xeración até o día de hoxe. Moitos dos millóns de nomes que identifican cada recuncho da nosa terra corren o risco de se perderen, de non ser recollidos e postos no mapa da Galiza, para que poidan seguir formando parte da nosa riqueza cultural no futuro. Analízao o historiador Perfecto Ramos.

 

 

Entrevistamos Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958, que asumiu a mediados de xaneiro a portavocía de En Marea no Congreso español, un posto que se exerce rotatoriamente e que o poeta, editor e dramaturgo desempeñará ao longo de seis meses. Recoñécese con ánimos e disposto a apuntalar un traballo nas institucións que, incide, ten como protagonistas e destinatarias “as clases populares galegas”.

 

Máis alá da AP-9 e do AVE, as infraestruturas e a mobilidade na Galiza afrontan novos desafíos e arrastran vellas eivas. A oposición sinala os reiterados incumprimentos da Xunta na materia e a falta de planificación. ‘Estradas sen mapa’.

 

‘Moreno consuma a ruptura coa Revolución Cidadá O referendo impulsado polo presidente sáldase cun apoio maioritario a certas medidas regresivas.

 

O historiador Manuel Pazos Gómez afonda no contexto social e político que se vive no Rif, un dos territorios máis abandonados de Marrocos. ‘O Rif é a miña terra libre!’

 

‘Situación crítica na pesca da sardiña’ Centos de barcos galegos, do cerco e do xeito, agardan pola decisión de Bruxelas sobre a sardiña. Miles de mariñeiros pendentes de que a UE acorde se fixar cota cero para un recurso fulcral para un segmento non pequeno da nosa frota. “A situación é crítica”, advirten desde o propio sector.

‘Desmantelar o sistema de pensións para vender plans privados’ A entrada en vigor do factor de sustentabilidade anticipa novos recortes a partir de 2019

 

O día 15 de maio de 1945 a Garda Civil tronza a vida de Manuel del Río Botana, o primeiro enlace da Guerrilla Antifranquista da comarca de Ordes asasinado cando fuxía desarmado da Benemérita. Este feito, polas circunstancias que relatamos deseguido, marcará o inicio dunha etapa de loita sen rendición entre a resistencia e as forzas represivas. Unha histotria que abordamos neste semanario.

 

A música Belén Tajes enceta en Sermos unha colaboración mensual. Eis a primeira entrega: ‘Palabras e Música’.

 

“Describo o mundo exactamente como o coñecín”, dinos Xabier P. Docampo. Entrevistamos o escritor, que vén de publicar ‘A nena do abrigo de astracán’ (Xerais).

 

O último libro de Xavier Queipo percorre un dos poucos territorios en que a súa obra aínda non se adentrara: o da poesía erótica. Premio Illas Sisargas, é unha das últimas mostras dunha tradición de vello na literatura galega. ‘A exploración lírica do desexo’.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Marilar Aleixandre, Guillerme Vázquez, Nachortas e Tokio, Xulio Carballo, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés castro, Mónica Pazos, Pepe Barro e Olalla Ledo.