#sermos279: as nacións axitan a vella Europa

Acto político do Plaid Cymru, a forza soberanista galesa

Máis un semanario na rúa. Entrevistamos Goretti Sanmartín e Ismael Ramos, falamos de cómo a epidemia de recortes colapsa as urxencias, analizamos como muda o mapa político europeo da man das nacións sen estado, debullamos  a renuncia de Feijóo a exercer o autogoberno… Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

O mapa político do mundo muda. Rapidamente ou devagar, mais faino. Tamén en Europa, onde a idea da unidade de mercado quixo solapar os anceios dunha parte, máis ou menos cuantitativa, das sociedades dos respectivos territorios que historicamente contan cunha mínima conciencia nacional co argumento de que a división debilita fronte a fortes competidores na esfera económica. ‘Vinte e una catalunyas máis’.

 

‘A epidemia de recortes que colapsa urxencias’ Horas e horas nas salas de espera, doentes amoreados nos corredores agardando por unha cama e o persoal sanitario exhausto pola sobrecarga de traballo. A escena estase a repetir en todos os hospitais galegos. Durante as últimas semanas e, inverno após inverno, os servizos de urxencias parecen destinados á sobrecarga coa chegada do frío. Pero é inevitábel o caos nos hospitais galegos durante estas datas?

Terra Nomeada é un proxecto da RAG e da Asociación Galega de Onomástica, en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Damos conta del en ‘Chamádeme ben!’.

 

“Meirás, a medio prazo, serás público. Está encamiñado"

 

Entrevistamos Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña. A tamén concelleira do Bloque en Santaigo de Compostela asegura estar en contra da existencia dos entes provinciais. E defende que o seu traballo na Deputación “adelgaza a institución e faina máis obxectiva e transparente”. Para 2018 quere “consolidar o traballo feito”, dentro do que salienta, sobre todo, a cesión de autonomía aos concellos para decidir o gasto.

 

Ningunha nova transferencia de competencias para Galiza en case nove anos de goberno. O balanzo de Núñez Feijóo mostra ás claras a idea e visión que o PP ten do autogoberno, máis próxima a unha simple oficina de xestión administrativa supeditada ao centro de decisión política de Madrid do que a un goberno de seu dunha nacionalidade histórica (como estabelece a constitución española do 78).

 

O acordo de “cooperación permanente estruturada” suporá acrecentar o partillamento de esforzos e capacidades militares a nivel europeo. A iniciativa non só non colide coa OTAN, senón que aspira a afianzar o papel da Alianza Atlántica no continente. ‘Pesco, a filla europea da OTAN’.

 

Angela Merkel terá de agardar até o mes de marzo para asegurar a súa reelección. E sempre e cando o SPD vire sobre o seu discurso e acabe por reeditar un novo acordo bipartidista coa CDU. Desbotada a coligazón “Xamaica” con liberais e verdes, o futuro político da chanceler pasa pola decisión da bancada socialdemócrata. ‘Alemaña: unha nova Grande Coligazón?’

O mapa galego resultante do proceso de centralización e concentración bancaria deixa varias imaxes para a preocupación: acumulación de negocio e depósitos en poucas marcas, feche de sucursais e perda de empregos, así como aumento da exclusión financeira en cada vez máis partes do país. Falamos disto en ‘Así se reparte o pastel bancario en Galiza’. En  ‘Os salarios que non se recuperan’ tratamos  da caída do peso das rendas do traballo na economía galega.

 

Pontevedra fechou os actos que cada ano dedica á memoria cunha homenaxe á xente boa e xenerosa que no tempo do medo foi solidaria coas persoas fuxidas e encarceradas ou coas familias marcadas para sempre pola barbarie. Moitas delas foron mulleres que mesmo arriscaron a vida por ser solidarias. De feito, a maioría das pontevedresas asasinadas polos golpistas foron paseadas ou conducidas ao paredón após ser descubertas agochando escapados. ‘No paredón por solidarias’.

 

“O poeta é sempre malinterpretado”

 

Entrevistamos Ismael Ramos, poeta. “Na poesía galega fíxose recentemente ese corte entre poesía da experiencia e poesía do pensamento, entre poesía sentimental e poesía política. Paréceme un corte moi inxenuo pero que calla con facilidade”.

 

A perda de galegofalantes, o emprego da creación cultural como pegada feminista e a necesidade de internacionalización son os tres retos fundamentais aos que se enfronta a cultura galega este ano. Retos dos que damos conta en ‘Un ano de novos (e vellos desafíos) para a cultura galega’.

 

Ademais, as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Marilar Aleixandre, Pepe Barro, Guillerme Vázquez, Luz darriba, Tokio e Nachortas, Mario Regueira, Andrés Castro, Mónica Pazos, Olalla Ledo, Colectivo Xea e Xulio Carballo.