#Sermos276: petrodólares sauditas tentan o eólico galego

Máis un semanario na rúa. Entrevistamos o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, e o director de cinema Pedro Pinho, contamos como investidores árabes e madrileños pugnan por construír parques eólicos na Galiza... Todo isto, e moito máis, xa na nosa loxa.

Grandes investidores árabes, madrileños, norteamericanos e cataláns compiten con dúas PEME galegas –Greenalia e Adelanta– por construír 34 novos parques eólicos no país. Recortando prazos á metade grazas a un novo polémico marco legal, 285 muíños e 855 megavatios eólicos poden entrar en funcionamento antes da fin de 2019, segundo dados oficiais da Xunta aos que tivo acceso en primicia Sermos Galiza. Contámolo en ‘Sauditas e madrileños, na pugna por construír 34 novos parques eólicos’.

 

‘Un Himno aínda sen restituír’. O 20 de decembro de 1907 o Gran Teatro da Habana acollía unha homenaxe a Pascual Veiga en que foi interpretado por vez primeira de maneira oficial o Himno Galego. 110 anos após o texto orixinal, deturpado co paso dos anos, segue sen se restituír. A Fundación Galiza Sempre e a Federación Galiza Cultura non cesan no empeño por conseguir a recuperación da letra verdadeira. Depende do Parlamento de Galiza que así se faga.

Recomendacións para unha xestión máis racional e máis responsábel da auga. ‘A seca chegou para ficar’.

 

“Todo é debatíbel menos os consensos dos que nace a marea”. Entrevistamos o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez. Defende con paixón a vixencia da fórmula da unidade popular. É, alega, unha exixencia das cidadás. E con idéntica enerxía enarbora os principios fundacionais de En Marea, a comezar pola consideración da Galiza como un suxeito político con direito a decidilo todo

 

Somos unha nación, somos unha nacionalidade histórica, somos unha rexión? Tal vez non somos nada diso. Talvez só somos un espazo diluído nunha unidade superior que nos engloba, o noroeste. A esa tese apuntou Feijóo nun recente acto conxunto co presidente de Asturias. ‘Feijóo dilúe Galiza no noroeste’.

 

‘Xerusalén, capital dos crimes de Israel’. Donald Trump colócase como principal valedor da causa sionista. ‘Portugal, balanço de dois anos de governo’. Bruno Carvalho sostén nesta análise como o tempo passado confirma que se reverteram muitas das medidas de austeridade impostas pelo FMI e União Europeia e que parte dos acordos do PS co Partido Comunista Português e o Bloco de Esquerda foi implementado

 

Un novo sinistro nas obras do AVE na Galiza deixaba a finais de novembro un operario ferido grave. Os 242 quilómetros construídos até o de agora desta infraestrutura no noso país custaron a morte de 7 traballadores e ducias de accidentes graves. Por que este índice tan alto? Respondemos en ‘A cara B do AVE: mortos e precariedade’. En análise, saúde laboral, crise económica e futuro da UE.

En Mamoria achegámonos a Josefa López Armesto. A sabotaxe do alumeado das festas do San Xoán en Sarria por parte dos falanxistas sería a metáfora da escuridade que ficaría na vida de Josefa e de Constante. Muller coraxe, solidaria, loitadora, pioneira e emprendedora, Josefa López Armesto acolleu no seu teito os perseguidos e foi quen de sacar adiante un negocio nun mundo masculinizado.

 

“Eu acho que o cinema muda a vida”, confésanos Pedro Pinho, director de. A Fábrica de Nada, melhor filme do Cineuropa, uma ficção que espelha a realidade e que situa a crise económica de Portugal como pano de fundo.

 

Após a marcha do director, Iñaki Martínez, o museo afronta unha etapa de incerteza na que por agora a pelota está no tellado do Concello de Vigo, principal contribuidor do proxecto. ‘Marco, unha nave sen ninguén ao temón’.

 

Neste número, ademais, as achegas, opinións, críticas e colaboracións de Xoán Costa, Francisco Castro, David Otero, Marga do Val, Nachortas, Tokio, Mario Regueria, Andrés Castro, Navia Rivas, Cilia Torna, Mercedes Espiño...