Xa na loxa

#Sermos275: Eucaliptos ilegais

O número 275 do semanario Sermos Galiza abre cunha reportaxe que se fai eco da falta de vontade da Xunta de Galiza para poñer límite á extensión da especie por todo o país. Pero hai máis: entrevistamos Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG e Montse Fajardo, autora de Invisibles; afondamos na perda de poder adquisitivo das traballadoras e traballadores; coñecemos máis sobre a actualidade política en Honduras ou sobre os misterios que gardan santuarios espallados por Galiza, entre outros moitos asuntos.

O semanario Sermos Galiza abre o seu número 275 cunha reportaxe relativa ás plantacións ilegais de eucaliptos, árbore que xa superou o medio millón de hectáreas en todo o país cando o plan forestal estabelecía un máximo de 245 mil hectáreas para 2032.

 

A xornalista Montse Fajardo conversa con nós ao redor de Invisibles, libro impulsado polo Concello de Pontevedra onde se relata o maltrato de sete mulleres. Tamén entrevistamos Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, quen apela á necesidade de facer autocrítica en relación ao feito desde 2009 e publicamos unha análise de Anxo Louzao sobre a falla de democracia e participación no sistema educativo.

 

A actualidade política de Cimbabue após abandonar Robert Mugabe a presidencia –o único presidente coñecido pola poboación desde a independencia do país en 1980–, a represión do goberno de Macri sobre o pobo mapuche e unha análise de Edelmiro López e María do Mar L. Fra sobre a necesidade de estabelecer unha estratexia acaída para a Galiza rural do século XXI son outros dos temas recollidos no semanario. Ademais, publicamos unha ampla reportaxe que dá conta da perda de peso dos salarios en relación ao PIB.

 

Abre o Fóra de Serie unha información do arqueólogo e museólogo Felipe-Senén sobre os santuarios da Gallaecia e o seu significado; Mónica Pazos escribe sobre o último libro de Antón Cortizas, con ilustracións de Leandro Lamas, editado pola AS-PG, Anatomía da lingua; Mario Regueira debulla o libro de María Xosé Queizán Rosalía de Castro e o poder sexual e Andrés Castro convídanos a coñecer Sieranevada.

 

Ademais, o colectivo XEA lévanos de visita aos muíños de Vilaboa; coñecemos a peza escollida por Elena Ferro no Museo do Pobo Galego e Alberto González-Alegre e Ángel Cerviño recuperan a traxectoria do pintor recentemente falecido Manuel Moldes.

 

Neste número tamén colaboran Pepe Barro, Xulio Carballo, Marilar Aleixandre ou Guillerme Vázquez.

 

[Podes ler o Sermos Galiza 275 na loxa ou nos quiosques e puntos habituais do país a partir da quinta feira]