#Sermos274: veciñanza en pé contra un novo proxecto de megaminaría

Máis un número do semanario saído do prelo. Falamos coa veciñanza que se levanta contra o proxecto de reabrir unha mina en Touro, entrevistamos Carlos Babío e Manuel Pére, aurores de ‘Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio’, conversamos co sociólogo Ramón Grosfoguel, lembramos a expulsión dos deputados nacionalistas do Parlamento de Galiza en 1982, falamos con Marilar Aleixandre e publicamos un adianto editorial de ‘A Filla do Minotauro’... todo isto e máis xa na nosa loxa.

Desta volta as veciñas e veciños da antiga mina de Touro están avisados e fóronse organizando para resistiren. Saben que o que queda despois da mina é terra perdida e máis lixo. Nos anos oitenta, cando fechara a vella explotación, empezaron a mirar para o campo. E queren seguir vivindo del nunha paisaxe que ameazan os intereses dunha gran compañía e certa convivenciadas autoridades. ‘Touro. Desta vez non’

 

“Houbo un esforzo en asociar Franco e Juan Carlos ao redor do pazo de Meirás”. Carlos Babío, quen leva máis de 20 anos investigando ao redor do espolio do pazo de Meirás, e Manuel Pérez, historiador, son os autores de ‘Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio’, obra editada pola Fundación Galiza Sempre que vén de chegar ás librarías. Afondamos no seu contido cos autores.

O 3, 4 e 5 de decembro de 1977, máis de 20 mil tractores trancaron as estradas da Galiza en protesta contra a cota empresarial agraria e o réxime autonómico. 40 anos despois  recuperamos a memoria daquela mobilización e da oposición das labregas e labregos galegos á cota empresarial. Acompañamos esta peza de Cilia Torna cunha reportaxe fotográfica daquela xornada de loita realizada en Navia de Suarna por Xesús Méndez. ‘Galiza contra a cota empresarial’.

 

Hai 35 anos produciuse un atentado contra a democracia no Parlamento da Galiza. Un episodio sen precedentes: a aplicación dunha norma con carácter retroactivo para danar un movimento político. O lance -a obriga neofranquista de xurar a Constitución de 1978 como unha profesión de fe relixiosa- saldouse coa expulsión dos tres parlamentares do BNPG-PSG.  ‘23-11-1982, crónica dun ataque á democracia’.

 

‘Feijóo compite no terreno de Ciudadanos’. As enquisas mostran un escorregamento unionista do eleitorado.

 

Entrevistamos Ramón Grosfoguel, sociólogo portorriqueño que exerce de profesor asociado na Universidade de California en Berkeley. Mais, sobre todo, é unha das voces de maior relevo internacional na análise do fenómeno colonial e neocolonial cunha perspectiva netamente antiimperialista. Conversamos con el, analizando a situación de Galiza, abordando o procés independentista en Catalunya e reparando na necesidade dunha segunda independencia descolonizadora para América Latina. “Eu vexo Galiza como unha realidade neocolonial”.

 

Oito anos após o golpe contra o presidente Zelaya as forzas progresistas logran a maioría dos votos. ‘A esquerda volve ao goberno de Honduras’. ‘21D, o plebiscito inevitábel sobre a República catalá’: a precampaña electoral visa que, para alén da formalidade, os comicios non son “autonómicos.

 

Bruxelas quer aproveitar a saída do Reino Unido para reformar os fondos europeos impulsando un cambio de prioridades: apárcase a cohesión social e territorial para apostar en defensa e seguridade. Todo isto nun marco no que haberá un 16% menos de ingresos nas arcas comunitarias. Os fondos estruturais para Galiza, no albo. ‘Bruxelas saca a tesoira en Galiza’. En Análise debullamos os orzamentos para 2018.

 

‘Marilar Aleixandre, a primeira Raíña Lupa’. Como dicía o referente da literatura infantil e xuvenil galega, Agustín Fernández Paz, os libros que tamén pode ler a xente moza non exclúen a xente adulta como lectoras e lectores. O premio Raíña Lupa, certame convocado pola Deputación da Coruña para premiar este tipo de obras, vén de galardoar a autora Marilar Aleixandre. Esta madrileña de nacemento mais galega de corazón únese así á listaxe de autores merecedores desta distinción, onde se contan escritores como o propio Fernández Paz ou Antonio Reigosa Carreiras.

 

Chega a cita máis esperada do ano no ámbito da cultura, o Culturgal, que neste 2017 fai o seu décimo aniversario. Sen dúbida, é este o proxecto coa rede máis ampla de colaboradoras e colaboradores institucionais, asociativos e empresariais. O Culturgal conmemora os seus dez anos cunha edición que presenta dúas novidades: a maior presenza da cultura portuguesa e a participación das artes plásticas contemporáneas. ‘Culturgal, na súa edición máis especial’.

 

E neste número, as colaboracións e achegas de Xoán Costa, Francisco Castro, Luz Darriba, Nachortas e Tokio, Colectivo Xea, Iolanda Gomis, Mario Regueira, Andrés Castro, Manuel Xestoso.