#Sermos273: a falta de recursos tamén é violencia machista

Ás portas do 25N o semanario debrúzase sobre a violencia machista, desde a materia pendente da xustiza até o tratamento destas violencias desde o local. Ademais, entrevistamos Marga Do Val, Antom Gómez Reino, paseamos polas músicas e os bailes do país... Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

Os xulgados galegos reciben de media cada día 18 denuncias por violencia machista e máis de 3.100 mulleres contan con protección e seguimento, un 22% máis que en 2016. As cifras crecen, mais non os recursos. Tanto Paz Filgueira, xuíza do xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, como Pilar Fernández, fiscal especializada do ramo, ofrecen para Sermos Galiza unha radiografía que pon de manifesto a falta de formación e de compromiso político. ‘A violencia machista, materia pendente da xustiza’.

 

A atención ás violencias machistas desde o local’. Dolores G. Docobo, enfermeira no centro de saúde de Ribadeo, e Luísa Couceiro, directora e asesora xurídica do CIM de Ribadeo, ofrecen para Sermos Galiza unha radiografía do combate contra a violencia machista desde o ámbito local.

Con motivo do 95 aniversario do asasinato de Cándida Rodríguez González, que estaba embarazada e era veciña de Pazos de Reis; Joaquín Estévez Besada, de Soutelo, e Venancio González Romero, de Budiño, a directora do Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo”, Marga do Val, contexualiza os feitos que aconteceron o 28 de novembro de 1922, unha época de forte contestación social desde o agro. “Hai unha conexión moi clara entre Sobredo e a represión do 36”.

 

“Nos lumes o Estado ten responsabilidades”. Entrevistamos Antón Gómez-Reino, Tone, deputado de En Marea no Congreso español. Nesta entrevista debullamos a iniciativa de reforma da lei de montes que apresentou no Parlamento estatal e analisamos a actualidade política. Alerta sobre a furia recentralizadora en curso no Estado e dubida que exista a correlación de forzas precisa para unha reforma “positiva” da Constitución de 1978.

 

‘Catalunya, outra vez 1898’. O proxecto centralizador do Estado español trata de laminar a diversidade nacional pola vía da asimilación.ç

 

O último informe das Nacións Unidas visa o aumento da fame. Unha das súas principais causas son os conflitos bélicos en curso, resultado en moitos casos de intervencións imperialistas, nos que a privación de alimentos é utilizada como arma de guerra. ‘O xenocidio alimentario do imperialismo’.

‘Chile, o mal menor como alternativa’. O 19 de decembro as urnas determinarán quen releva Michele Bachelet na presidencia de Chile. Os aspirantes que concorren á segunda volta son o neoliberal Sebastián Piñera, que atinxiu un 36,64% dos votos na primeira votación, e mais Alejandro Guillier da oficialista Nova Maioría, que confía en sumar e alargar o 43% dos votos que suman as forzas progresistas e democristiás.

 

‘A nosa industria contaminante’. Galiza representa menos do 6% da poboación do Estado e apenas o 5% do seu PIB, mais somos o terceiro territorio cuxo sector industrial máis emisións rexistra: o 11% do total. Porcentaxe que supera a de comunidades moito máis industrializadas e que ten custos e consecuencias. En Análise falamos do mercado laboral e a muller.

 

O 12 de novembro de 1936 a barbarie segaba a vida de dez destacados republicanos que defenderan o goberno civil de Pontevedra do golpe fascista. Aquelas balas marcaron para sempre a vida de moitas mulleres: nais, irmás e as sete viúvas que quedaron soas con trinta e tres criaturas. Dúas daquelas criaturas orfas aínda estaban no ventre das súas nais cando soaron os tiros na Caeira. ‘As viúvas de novembro’.

 

‘A través do fume’, unha historia sobre a reparación e o retorno. O autor Antonio Piñeiro gañou o premio Torrente Ballester en galego cunha innovadora novela sobre as feridas da emigración.

 

‘Punto e Volta’ naceu como un proxecto audiovisual en liña coa vontade de radiografar a situación da música tradicional galega a través das historias, das músicas e dos bailes de diferentes persoas e xeracións. Conversamos con Olaia Tubío e Raquel Pérez, o cincuenta por certo deste colectivo, e SaraGarcía, unha das súas protagonistas. ‘Unha volta polas músicas, bailes e memorias’.

 

Ademais, as achegas e colaboracións de Xoán Costa, María do Pilar García Negro, Xavier Queipo, Tokio e Nachortas, Luis P. Castelo, Julián Bustelo, Colecttivo Xea, Pepe Barro, Mario Regueira e Andrés Castro, María Xosé Lamas.