#Sermos270: greve na sanidade

O paro convocado no Sergas, o recente congreso do PSdeG, os Orzamentos 2018... Estes son algúns dos temas que se tratan neste número do semanario, onde tamén nos achegamos ao que se move na literatura infantil e xuvenil, e entrevistamos Ángeles Huerta, directora de ‘Esquece Monelos’. 

O goberno de Alberto Núñez Feijóo vén de presentar os seus novenos orzamentos públicos, unhas contas que medran por terceiro ano consecutivo. A previsión de gasto é de 9.487 millóns de euros. A pregunta obrigada é se son estes os orzamentos que este país precisa? ‘Orzamentos que non están á altura do país’.

 

‘O rexurdir da natureza após a vaga de lumes’. Só na vaga de lumes declarada na fin de semana do 14 e 15 de outubro arderon 35.500 hectáreas. E agora que? Que vai acontecer co solo e a vexetación afectada? Responden Jaime Fagúndez, especialista en Botánica, e Marcos Lado, en Edafoloxía, ambos os dous profesores da UDC.

Entrevistamos Fátima Braña, antropóloga profesora da Universidade de Vigo. “"As termas son como unha praza pública con máis intensidade".

 

‘Máis PSOE que PSdeG’. No seu 13 congreso, o PSdeG non tomou nota de que neste momento o debate político é o territorial. O conclave da marca galega do PSOE entronizou na secretaría xeral Gonzalo Caballero mais non deixou nen unha soa proposta en relación co status político da Galiza ou o alargamento do seu autogoberno.

 

Na sección de Internacional debullamos o que está a acontecer en Catalunya, así como o escenario de Arxentina após as eleccións de outubro e China após o XIX Congreso do partido Comunista.

 

Greve no Sergas

 

‘A sanidade galega en folga’. O pasado 11 de outubro, seis sindicatos anunciaron a convocatoria dunha folga no Sergas para o 2 e 3 de novembro co obxectivo de  devolver ás e aos profesionais da sanidade pública galega unha parte das melloras que conseguiran nos acordos de 2008 e que foron anuladas no momento en que Alberto Núñez Feijóo brandiu o argumento da crise e da austeridade que levou o sistema sanitario público a un retroceso histórico. Un compromiso difuso adquirido o 27 de outubro convenceu todos os axentes sociais para se descolgaren da folga. Todos agás á CIG. En Análise achegámonos á fugra de cerebros.

Entrevistamos Isolina Rodríguez, tocadora de pandeira, un instrumento tradicional dos Ancares que está en proceso de recuperación. “A pandeira é un instrumento de mulleres. Iso é o máis importante”.

 

Tamén falamos con Ángeles Huerta, directora de ‘Esquece Monelos’. “O filme fala das lembranzas que secan e das que irrompen de maneira violenta.

 

‘Entre libros e crianzas’. Eis un popurrí de lecturas recomendadas por diferentes persoas que se manteñen vinculadas ao mundo da Literatura Infantil e Xuvenil. Conversamos con María Couceiro, libreira na Libraría Couceiro en Compostela; Verónica Pousada, investigadora en Literatura Infantil e Xuvenil galega; e Laura Amigo, especialista en Psicoloxía Infantil.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Luz Darriba, Nachortas, Tokio, Mercedes Queixas, Francisco Castro, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés Castro, Manuel Xestoso, Iolanda Gomis...