#sermos265: Catalunya, imparábel

Achegámonos a Catalunya ás portas do referendo do 1-O, entrevistamos Ana Miranda após pedir a ilegalización da Fundación Francisco Franco,. aprendemos da revolución feminista desde as aulas, gozamos cun FIOT que está a piques de subir o pano... Todo isto e máis xa na nosa loxa.

Catalunya encara a recta final do seu procés soberanista. O domingo 1 de outubro as catalás e os cataláns están chamados ás urnas para participar nun referendo de autodeterminación. Do seu resultado poderá nacer, se así o determina a vontade democrática, a República catalá. Un momento histórico que debullamos na reportaxe ‘Catalunya ás portas do refrendo’, na que tamén pulsamos a opinión de galegos residentes alí.

 

Combater o patriarcado desde o ensino é posíbel con iniciativas como o Comando de Igualdade. Unha iniciativa que naceu nun instituto do barrio de Coia, en Vigo e que che contamos en ‘A revolución feminista desde as aulas’

 

‘Arrancando o negocio da educación’. Chega setembro e como cada ano arranca o curso escolar, mentres o custo da vida segue en aumento e o poder adquisitivo das familias en diminución. Continuamos nun sistema que non dá nin garante unha educación pública gratuíta. Así o advirte nesta análise a presidenta da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnado de Vigo e Comarca (FOANPAS), María del Carmen Rivas Corbacho.

“O estado incumpre coa ONU en relación á memoria”

 

Entrevistamos Ana Miranda. Na escena política galega Ana Miranda é sinónimo de hiperactividade. Pazo de Meirás, Catalunya e Angrois dson os temas que tratamos con ela, que a principios de 2018 tomará posesión do euroescano do BNG en Bruxelas. “O 20-N denunciaremos en Bruxelas que o fascismo segue vivo”.

 

“Vosté pergúnteme o que queira que eu lle contestarei o que me dea a gana”. Esa era a frase favorita do asesor de imprensa de JFK, o presidente dos EUA máis carismático do século XX. Cada 15 días Feijóo aplica esa consigna no Pazo do Hórreo. ‘As trapelas de Feijóo para non debater’.

 

Internacional

 

Manuel Mera aborda o referendo do Curdistán, que tivo unha ampla participación popular. Ademais, Rivera Jácome explícanos como a macronreforma laboral de Francia abre a porta a unha nova vaga de recortes.

Un cambio de norma retrasa a idade de xubilación dos tripulantes da frota conxeladora galega, unha decisión que bota polo chan dereitos conquistados hai anos e que afecta miles de persoas no noso país. Algúns terán que alongar catro anos a súa vida laboral. Nos portos galegos xa se articula unha resposta.  ‘Vía de auga á frota galega’. En análise, debúllanse os retos para a economía galega.

 

Superheroína, figura pop, minimalista... É Rosalía de Castro reinterpretada en 2017. Todas as formas que adopta teñen unha característica en común: a modernidade. E é que a máis recoñecida autora da literatura galega está máis viva que nunca. Poderemos comprobalo no Festival Rosalía que organiza a Deputación da Coruña, xunto co Concello de Santiago, a AELG e a Fundación Rosalía, o 29 e 30 deste mes en Compostela. ‘Rosalía máis viva que nunca’.

 

‘FIOT sobre o pano’. Xa latexa a XXVI Edición do Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo (FIOT) e continuará co pulso firme até o 28 de outubro. Algo máis dun mes para gozar dun total de trinta e catro obras con tres coproducións, sete estreas absolutas e outras sete estreas na Galiza. 

 

Tamén neste número, Xoán Costa, Nachortas, Tokio, Iago Varela, María do Pilar García Negro, Xabier Queipo, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés Castro, Pepe Barro e Suso Díaz