#sermos257: con teito, mais sen casa

Máis un número do semanario na rúa. A (invi)sibilidade do deporte feminino, a Gürtel galega continúa a pairar sobre Feijóo, entrevistamos Carlos Callón, achegámonos até o noso patrimonio en perigo. Todo isto, e máis, xa o podes ler na nosa loxa.

Despois dunha década de crack inmobiliario, as expectativas dos actores non mudaron: uns pensan en volver construír pisos, o aforro volve especular (agora cos alugueiros) e as persoas excluídas seguen sen ver solucións aos problemas de vivenda. As políticas públicas están desorientadas e nestes anos ninguén se preocupou por saber cantas casas están baleiras. Un tema do que falamos en ‘Con teito, mais sen casa’.

 

En ‘A (in)visibilidade do deporte feminino’ lembramos que as deportistas galegas tamén triunfan. O deporte feminino tivo e está a ter unha evolución evidente ao longo da historia. Mais se comparamos estes avances co deporte masculino, parece que estamos a vivir en épocas cronoloxicamente diferentes. E tamén neste sentido as mulleres continuamos a ser invisíbeis.

Racismo lingüístico e desprezo á lingua propia en Gondomar a raíz do uso do idioma en sinais de tránsito é o tema que tratamos en ‘O galego, albo de ataques da Garda Civil’. Neste número tamén tomamos o pulso á actualidade política, centrándonos en como a visita do ministro de Fomento mostrou como o peso político da Xunta fronte Madrid está en mínimos. ‘A Gürtel galega volve pairar sobre Feijóo’: existe unha subtrama galega da Gürtel e a súa sombra continúa a se proxectar sobre Monte Pío. A recente declaración de Rajoy como testemuña perante a Audiencia Nacional reavivou o espectro de Pablo Crespo a se pasear polos corredores da residencia do presidente da Xunta. Feijóo aínda non explicou convincentemente por que non cesou no seu día o seu representante en Portos de Galiza.

 

Internacional

 

Achegámonos a Venezuela, onde vén de decorrer as eleccións á Asemblea Nacional Constituínte, no que é a segunda maior vitoria do chavismo no que atinxe a asistencia. E falamos de Gdeim Izik, de como sete anos despois do violento desaloxo do campamento “dignidade”, un tribunal civil de Marrocos reproduce a mesma sentenza inxusta que en 2013 ditara un tribunal militar. O procedemento xudicial é contrario ao Dereito Humanitario Internacional.

En ‘A loita pola auga no rural’ contamos como as comunidades de traídas veciñais fan fronte común contra unha denegación en deetrminados lugares de renovacións de concesións, unhas decisións que, denuncian, benefician empresas. En análise botamos unha kirada sobre o investimento da Xunta en empresas.

 

Entrevistamos Carlos Callón, que regresa á investigación sobre a homosexualidade na Idade Media con importantes achados de novos textos no trobadorismo galego que falan de homosexualidade e lesbianismo.

 

Cando hai administracións anestesiadas na burocracia entón bulen e desbordan por algures iniciativas populares que artellan a sociedade coa ansia de servir. Exemplos de asociacionismo nacido para poñer en valor a cultura galega, haber hainos ao longo da nosa historia. Recentemente constituíuse a Rede Galega de patrimonio, tema do que falamos en ‘A interacción na defensa da identidade e do patrimonio’.

 

Ademais, as colaboracións e achegas de Xoán Costa, Pilar García Negro, Xavier Queipo, Latuff, Tokio, Mario Regueira, Andrés Castro, Antonio García Teijeiro ou Pepe Barro