#Sermos252: A Galiza inflamábel

Máis un número saído do prelo. Analizamos por que desde 1968 ardeu unha superficie equivalente ao 55% do país, entrevistamos Gonzalo Caballero, debatemos sobre celtismo, achegámonos á exclusión financeira que sofren miles de galegos e navegamos polo Encontro de embarcacións tradicionais de Combarro. Todo isto, e moito máis, xa na nosa loxa.

 

En ningún territorio do Estado español a incidencia dos lumes é tan poderosa como na Galiza. Éo agora, no presente, mais tamén é así desde hai máis de 40 anos, cando comezou a sistematizarse o estudo destas catástrofes e principiou o proceso de análise estatística nun marco supranacional. A conclusión é un segredo a voces: Galiza sofre como ninguén as consecuencias dos incendios. ‘Terra queimada: 1,6 millóns de hectáreas’.

Achegámonos aos locais de ensaio, unha rede activada en 2006 e que é esquecida polas administracións. Un tema que tratamos en ‘Os locais de ensaio piden difusión’. Tamén informamos de como a Deputación da Coruña inicia co Plan Único un novo modelo de cooperación cos concellos, que suporá o inicio de máis de 350 actuacións públicas.

 

Entrevistamos Gonzalo Caballero, que nos recoñece que “aínda” non decidiu se concorrerá á secretaría xeral do PSdeG mais, iso si, afirma que non  ten medo de dar o paso. “Temos que artellar un PSdeG forte, reconectar con moitos sectores sociais, nunha liña similar á do presidente Touriño cando accedeu á secretaría xeral”.

 

En Internacional, deitamos a mirada sobre Arabia Saudita, o rostro islámico do imperialismo. E tamén falamos da ‘Operación Catalunya’, a operación do estado español contra o proceso independentismo catalán.

 

A propia Unión Europea advirte que é un dos problemas a facer fronte, a exclusión financeira. É dicir, a dificultade de persoas (e/ ou territorios) no acceso a servizos e produtos financeiros no mercado xeral. Unha situación que xa afecta a milleiros de galegas e galegos nun mundo onde sen conta bancaria, non existes. Mesmo Wall Street Journal exemplificou o risco da exclusión financeira cunha reportaxe sobre o concello de Larouco. Contámoscho en ‘Exclusión financeira’. E en análise, falamos de precariedade laboral e pobreza.

No selfie entrevista falamos co arqueólogo Eduardo Méndez, e o distrito Xermar trae unha nova entrega de ‘Polaroid’. O colectivo Xea lévanos de rota pola parte meridional da Serra do Suído.

 

Para a décima e derradeira entrega do 5x2, a sección que creamos para conmemorar o V aniversario de Sermos Galiza, xuntamos Felipe-Senén, museólogo e arqueólogo, ademais de ex director do Museo Arqueolóxico da Coruña, con Pepa Rei, profesora de Prehistoria na Universidade de Santiago e especialista no mundo castrexo. O obxectivo é recuperar unha vella discusión que volve a nós a cada pouco: a posíbel orixe celta da nosa cultura. Ou non. Un tema espiñento, complexo e con moitos matices no que estivemos a rabuñar con estes dous expertos. ‘Somos celtas?

 

E achegámonos ao XIII Encontro de embarcacións tradicionais, que decorre en Combarro nestes días. Antagónico ás políticas de despece de barcos é o labor das asociacións integradas na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, que promove este encontro e traballa na recuperación dunha peza fundamental na identidade nacional: a cultura marítima e fluvial.

 

Ademais, as achegas de opinadores e colaboradores. Xoán Costa, David Otero, Marga do Val, Nachortas e Tokio, Mercedes Espiño, Mario Regueira, Andrés Castro, Ramón Vilalta, Pepe Barro ou Olalla Ledo.