#Sermos249: Silicose, un drama laboral

Máis un número na rúa, Entrevistamos Suso de Toro e Pilar Cancela, debatemos sobre ventres de alugueiro ou xestación subrogada, coñecemos os 700 anos de Festa do Boi de Allariz... Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

O último informe do Instituto Nacional de Silicose de Oviedo atribuía a Galiza o 39% dos casos detectados en todo o Estado no ano 2012, maioritariamente no sector da lousa e as canteiras de granito espalladas polas comarcas de Ourense e Pontevedra con tradición nestes oficios. Hoxe, a lexislación e as medidas de prevención son mellores que as de hai uns anos, mais aínda hai riscos nalgunhas actividades e persisten eivas en materia de seguridade laboral. ‘Silicose: unha herdanza envelenada’.

 

A xestación subrogada ou ventre de alugueiro, as propias definicións indican un posicionamento, a debate. A nova entrega da sección 5x2, que Sermos Galiza impulsa para conmemorar o seu V Aniversario reúne Aurora González, da Asociación pola Xestación Subrogada, e Ximena González, activista do movemento feminista.  ‘Xestación subrogada ou ventre de alugueiro?’.

‘No camiño da igualdade sexual’. A sexóloga Martina González Veiga e o enxeñeiro Juan Callón deron co primeiro modelo en 3D dun clítoris a tamaño real. O obxectivo: contribuír a unha mellor realización de operacións cirúrxicas, empregalo como ferramenta educativa e sobre todo, avanzar cara a unha igualdade sexual real.

 

“Estado hai un, mais a plurinacionalidade tamén existe”

 

Recíbeme no seu despacho da rúa do Pino. Após a treboada das primarias, Pilar Cancela, a presidenta da xestora do PSdeG, está tranquila e transmite moita seguranza en si propia, como se o enorme depósito de confianza da militancia socialista na liña sanchista que ela defendía se tivese transformado en azos para a acción. E non di que non á pergunta de se vai optar a ser a líder do PSdeG. “Apresentarme como candidata a liderar o partido? Eu non digo nin que si nin que non”.

 

O PSdeG mudou o 21M, o domingo en que Sánchez varreu Díaz nas primarias. Ese día o partido corrixiu o rumo, cara ás bancadas máis á vsúa esquerda. Após o apoio socialista ás pesquisas sobre a traxedia de Angrois, chega agora o respaldo á investigación dos contratos de Villar Mir coa Xunta. ‘Novos ensaios de entente na esquerda fronte Feijóo’.

 

‘Temer, na corda bamba’. A presidencia de Michel Temer pode ter os días contados. O mandatario continúa a perder apoios políticos a nivel parlamentar. Cunha desaprobación social de case o 90%, medra a contestación que reclama a súa saída e a convocatoria de eleccións presidenciais anticipadas

Catro de cada dez manifestacións convocadas pola dereita son violentas. O mozo Orlando Figuera morreu despois de ser acoitelado e queimado vivo ao ser confundido cun “infiltrado chavista” nunha das marchas opositoras. O dirixente opositor Freddy Guevara chamou publicamente a “unha escalada de presión superior” para este mes de xuño. ‘Dous meses de brutal violencia da oposición antichavista’.

 

‘A caída do Pastor-Popular’. O sexto banco do Estado español di adeus após ser mercado polo Santander por un euro. Algo que afecta, e non pouco, a Galiza, onde ten o 20% da cota de mercado grazas á compra en 2011 do Banco Pastor. Por exemplo, na duplicidade de oficinas que preanuncia despedimentos. Ou na ‘oligopolización’ do mercado financeiro galego. En análise falamos do sistema público de pensións en Galiza.

 

Non falta neste número o Fóra de Serie, con achegas, consellos recomendacións. Falamos con Luis P. Barral, da ILP polos dereitos sociolingüísticos, percorremos o Museo Arqueolóxico da Coruña, co Colectivo Xea imos por terras de Pantón,.

 

Suso de Toro

 

“O meu proxecto de escritor non pode ser sen un estado propio”. Suso de Toro anuncia que volve escribir ficción e aló imos onda el, que nos agarda no Instituto Rosalía e nos fai de cicerone por un edificio con corticeiras centenarias con abellas que entran a través da coroa dun dos escudos. Prexubilado e afábel, coma sempre, bota un ollo atrás á súa carreira sen esquecer os marcos que impón o contexto histórico, avaliando éxitos e recoñecendo fracasos. E lembrando o feliz que era cando “facía repartos e ía coa miña furgoneta e co meu can”. “Como me gustaba andar arremanghado todo o día. Non me implicaba nada, era marabilloso. Eu cargaba libros como mercadoría. A xente que fala de literatura non se dá conta desa dimensión, pero pesan” [risos].

 

‘Allariz regresa ao medievo co boi’. Para festa, a do Boi de Allariz! Durante oito días, a capital do Arnoia, cun papel central no Reino de Galiza, regresa ao ano 1317 para levar ás rúas da vila unha celebración de carácter tradicional e popular que, segundo a lenda, ten orixe na conflitividade social entre o colectivo xudeu e o cristián da Baixa Idade Media.

 

E, máis un número, a achega de colaboradores. Xoán Costa, Pilar García Negro, Xavier Queipo, Nachortas e Tokio, Iago Varela, Bea Gómez, Mario Regueira, Andrés Castro, X. Ballesteros, Xosé R. Ermida, Iago Varela.