#sermos244: Caos no 112

Máis un número na rúa do semanario. Falamos do que está a acomtecer nun servizo tan vital como o 112, entrevistamos Luis Bará, lembramos a visita de Cambó a Galiza hai 100 anos, debatemos sobre a custodia compartida... Todo isto e máis, nun número que xa está na nosa loxa.

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 está en pé de guerra. Logo de que a Xunta gastara millóns na construción dunhas novas instalacións na Estrada, a concesionaria do servizo, Telemark Spain, con sede en León, escatima ás 80 traballadoras e traballadores a compensación polo traslado. Ademais, a nova plataforma informática de xestión alonga os tempos de reacción. Un auténtico despropósito que contamos en ‘Mudanzas para ralentizar as emerxencias’.

A garda e custodia compartida cando non existe acordo entre persoas proxenitoras está no centro do debate social e protagoniza a segunda entrega da sección 5x2, que Sermos Galiza leva ás súas páxinas para celebrar o V aniversario da publicación. Convidamos María Xosé Bravo, licenciada en Psicoloxía, experta en Mediación e ex edil do BNG no Concello da Coruña, e Yoya Neira, avogada, nai de tres crianzas en réxime de custodia compartida e concelleira do PSOE na Coruña a debater sobre se a custodia compartida debe ser ou non preferente. ‘Custodia compartida como réxime preferente nunha separación?’.

‘O museo como experiencia social’. Os museos históricos, isto é, os que non entran na categoría de centros de arte contemporánea, están a explorar novos formatos para que a comunidade sinta que os seus fondos e a súa colección son un ben común, para que faga bandeira deles, e para que os sinta como propios con orgullo.

“O horizonte é a soberanía”

Non se poderá dicer que o BNG non ten un roteiro claro para os próximos anos. O primeiro Consello Nacional do Bloque após a XVI asemblea nacional da formación frontista aprobou, o 22 de abril, a posta en marcha da Estratexia Avanza Galiza. Daba así cumprimento a un dos mandatos do conclave nacionalista. Unha Estratexia cos ollos postos en 2022. ‘A folla de ruta do BNG até 2022’. Unha reportaxe na que tamén entrevistamos Néstor Rego como responsábel da estratexia Avanza Galiza: “O horizonte é a soberanía”.

‘Unidos Podemos e PSOE censúranse entre si’. A última xogada de Pablo Iglesias sobre o taboleiro é un xaque que coloca contra as cordas o PSOE, neste momento sen monarca á espera das primarias. A moción de censura non preocupa en exceso na Moncloa, que ve vantaxes a unha operación que vai aprofundar aínda máis as fendas nas bancadas da esquerda española.

Poñemos o foco en como decorreu este ano o Día Internacional da Clase Traballadora, desde Galiza até Turquía, pasando por Euskal Herria, Portugal, Cuba ou os EUA. O denominador común é combater a crecente precariedade e o empobrecemento salarial. ‘Unha ollada ao Primeiro de Maio no mundo’.

‘Maduro aposta en reconstituír a revolución bolivariana’. O pobo venezolano escollerá mediante sufraxio directo, universal e secreto 500 asembleístas encargadas e encargados da reforma constitucional. Con este mecanismo legal e democrático, o goberno venezolano tenciona poñer fin á crise institucional que se vive no país e rematar coa violencia alentada pola dereita opositora.

40 milhões de pessoas não foram trabalhar o passado 28 de abril. A greve geral, convocada por oito sindicatos e apoiada por movimentos populares e forças de esquerda, alcançou paralisar o país para rejeitar as reformas antioperárias do governo Temer. ‘Temer encara uma greve geral histórica’.

‘Cultivos de plástico’. Desde fresas e froitos do bosque a castaña ou viño. Somos un país no que se están a dar apostas moi fortes en poñer en andamento modelos de produción intensivos e máis propios doutras latitudes, como o sur e levante español, para extraer o máximo beneficio dunha terra que esas empresas percibían até o de agora como pouco menos que inhóspita.  Na sección de análise publicamos a introdución que o ex-conselleiro de Medio Rural Suárez Canal escribiu para o libro ‘O monte galego’, coordinado por Alberte Blanco e editado por Sermos Galiza.

Tamén neste número Fóra de Serie, con ideas, achegas e propostas. Na selfie-entrevista falamos con Xesús Mazaira, de Airas Moniz, cuxo queixo Terra levou a medalla de bronce no salón Gourmet Queixos. O colectivo Xea lévanos até Fornelos, onde se detén na decoración da capela de San Xes, que  conserva restos da Alta Idade Media.

Entrevistamos Luis Bará. “Posibelmente teríame adicado a escribir se non me cruzase a política polo medio”. A memoria histórica volve rescatar Luís Bará (Vilaboa, 1965) para o mundo da cultura e da súa paixón, a literatura. Deputado e concelleiro, vén de publicar a súa opera prima Non des a esquecemento’, un libro escrito a medias entre o xornalismo e a literatura no que recupera historias da represión nas que tira de fíos tecidos na memoria oral ou dos arquivos, pero sen esquecer nunca o compoñente emocional daqueles días de barbarie. Publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos, os beneficios da súa venda dedicaranse á creación do Bosque da Memoria en Figueirido -”unha prisión moi dura, moi extrema”- na que farán unha plantación de árbores cun espazo de intervención artística que represente a xente que estivopresa e as familias.

‘Cen anos da visita de Cambó a Galiza’. O 10 de setembro de 1917, Francesc Cambó chegaba á Galiza acompañado doutros dirixentes do catalanismo. O político catalán era o espello para o conxunto dos nacionalistas do Estado e para unha parte significativa da opinión progresista. Recuperamos aqueles días e o significado que a súa estadía representou para o nacionalismo galego.

E non faltan as achegas de Xoán Costa, David Otero, Marga Doval, Tokio, Nachortas, Mercedes Espiño, Beatriz G. Caneda, Mario Regueira, Andrés Castro, Pepe Barro,