Sermos Galiza vai de Entroido

Capa do SG.

O suplemento de 32 páxinas que se publica este sábado acompañando Nós Diario céntrase nunha festa que se vive intensamente na Galiza.

O suplemento semanal Sermos Galiza chega aos quiosques este sábado co Nós Diario. Xuntos suman 64 páxinas de xornalismo en galego, 32 do xornal e 32 do suplemento que todos os sábados acompaña o diario. 

O Entroido ten mil caras e desde Sermos Galiza afondamos nelas. Meco, Momo, Labardeiro, Lardeiro, Chocalleiro, Felo... Múltiples son os nomes que recibe o Entroido na Galiza, dependendo da zona. O ídolo, con todo, cumpre unha función análoga resultado de diferentes tradicións pasadas que se confunden e dialogan, aprendendo a negociarse aínda no presente, nun ritual purificador que deixa atrás o letargo do inverno para entrar de cheo no acordar primaveral. O museólogo Felipe Senén lévanos da man por unha festa que, acredita, “desafía a morte, a tristura, as soidades” nunha catarse.

 

Entrevistamos a ‘xenerala’Belén Guzmán (Vila de Cruces, 1986), que leva desde 2013 á fronte da Asociación Cultural Vello dos Cornos, unha entidade que traballa "todo o ano" pola recuperación e conservación do Entroido de Merza, prohibido durante a guerra civil española, a piques de desaparecer nos anos 90 e do que as primeiras referencias se remontan a principios do século pasado. Belén porta con orgullo, ademais, a bandeira da loita pola igualdade nunha festa tradicionalmente masculinizada e na que cada vez máis mulleres ocupan as posicións estrela. 

“Eu teño gravado na cabeza o recordo de ir á escola, non estudar abondo e que meus pais me castigaran a min e mais a meu irmán sen ir a cabalo ao Entroido. Moito teño chorado por causa diso [ri]”, confesa ao xornalista Héctor Pena.

Carlos Enríquez fálanos da importancia do Entroido como tradición e que hoxe enténdese en relación a moitos factores da sociedade contemporánea, como o turismo ou a superación dos machismos. Se o recoñecemento do interese cultural da festa é positivo, tamén pode ter consecuencias negativas cando as visitantes non comprenden o que están a observar. Cos riscos sobre a mesa, cómpre atopar esa xusta medida que permite gozar do Entroido, para moitas persoas o evento do ano, e compartilo coas olladas das máis curiosas.

Percorrer a costa

O colectivo Xea lévanos nesta ocasión pola Costa de Cervo, na Mariña, cun percorrido que se pode facer a pé mais tamén en vehículo e adentrarse nunha costa, a cantábrica, que nunca deixa de sorprender.

Na sección de libros Mario Regueira e Inma Otero debullan para nós  novidades literarias. Daniel Salgado, en Música, debulla a enésima reinvención de Ataque Escampe, mentres Celia Arias lémbranos que aínda hoxe “Música escríbese con V de Vigo”.

No apartado de Cinema Andrés Castro debulla O Escándalo e tamén nos fala dunha serie de filmes que considera de interese.

Mercedes Espiño Lévanos até a cocina con suxestións varias, coma o salmón recheo en papillota. E desde ‘Vide Vide’ aconséllanos viños galos para degustar e gozar.

Todo isto, e máis cousas, están nas 32 páxinas do semanario Sermos Galiza que acompaña este sábado a Nós Diario.