Sermos Galiza prepara a saída dun xornal diario en papel para 2019

Exemplares de Sermos recén impresos

Un semanario, o único en lingua galega neste momento nos quiosques. Un dixital, líder nas redes sociais e que no pasado mes de outubro bateu todos os seus récords ao totalizar máis de 140.000 usuarias únicas. Unha editora, con cinco volumes xa publicados e miles de exemplares vendidos. Un proxecto de comunicación en crecimento constante. Esa é a realidade de Sermos Galiza, unha iniciativa nada da base social do país co propósito de alargar o espazo de comunicación galego, de o fortalecer, de o facer centro de gravidade, nunca satélite. Sermos é vocacionalmente un proxecto que non se pon límites e por iso traballa desde hai meses na saída dun xornal diario en papel en 2019.

Un diario en papel para un dixital máis forte. Ese é o título do comunicado do Consello de Administración da empresa -un proxecto social participado por centos de accionistas- que esta sexta feira ve a luz en Sermos Galiza.Gal e que achegamos en formato pdf.

 

"Para oferecer máis contidos, ser un medio de referencia en Galiza, chegar a máis leitoras e leitores temos que pór máis medios en xogo", afirma o órgao directivo. "No actual contexto, tamén para asegurar o alargamento e consolidación do diario dixital que actualmente editamos e de cara a consolidar un espazo galego de comunicación, é clara a necesidade dun xornal diario en papel, centrado en e por Galiza e editado integramente na nosa lingua", engade.

 

Sermos xa ten un percurso feito, desde 2012 (abril, aparecimento do dixital; xuño, primeiro número do semanario). "Neste tempo construímos unha marca xa ben coñecida no panorama dos medios dixitais radicados en Galiza. Traballar en soporte dixital e soporte impreso permitiu que a empresa fose tamén coñecida como unha editora con varios títulos de éxito no mercado", afirma o consello.

 

Se existe Sermos, enfatiza o órgao directivo, é grazas ao "grande esforzo colectivo" realizado ao longo destes cinco anos, "con centenas de accionistas e asinantes a faceren posíbel a existencia dun proxecto que non é a expresión dun accionista particular ou un número reducido deles nin se sostén en apoios económicos e xornalísticos de fóra de Galiza; somos moitas e moitos, somos plurais e só nos debemos aos intereses galegos".

 

Non ignora o consello as "evidentes" dificuldades que coloca un "proxecto deste alcance", mais "acreditamos en que existen condicións para o facer posíbel" e, por tanto, "Sermos Galiza S.A., sobre as bases e principios anteriores, ten a firme vontade de traballar coa vista posta en o tornar realidade en 2019".

 

"Farémolo sobre o marco da pluralidade e do diálogo entre Sermos Galiza S.A. e todas as asociacións e organizacións colectivas que confían nas capacidades dunha Galiza real, na certeza de que esta iniciativa ten que abranxer e ser participada por todas as persoas que conforman a nosa base leitoral. É así como queremos construír este diario de intereses galegos, profesional e colaborativo, que ofereza información e análise con rigor e perspectiva propia ao servizo, sempre, do pobo galego", conclúe o comunicado.

 

A fotografía interior, tomada na redacción de Sermos, é da autoría de Laura R. Cuba.