Sermos Galiza: Berta Dávila, a transcendencia do cotián

O número 444 do semanario trae este sábado ás lectoras e lectores de 'Nós Diario' unha reportaxe sobre paisaxe e memoria, unha demorada entrevista coa escritora Berta Dávila e mergúllase no audiovisual 'Negro púrpura' que se vén de estrear na MICE en Compostela.

Que conecta o LSD, as multinacionais farmacéuticas e a colleita de centeo? Pois unha historia tecida de vimbios esquecidos, deses que garda a oralidade na intrahistoria, que explica a Galiza labrega dos anos 50 nun mapa internacional, desde distintas ópticas. Iso é o que pretende Illa Bufarda en Negro púrpura, un documental que recupera relatos senlleiros arredor do cornello ou dentón, un fungo alucinóxeno que foi ouro negro a mediados do século pasado.

Berta Dávila

En conversa coa autora de Illa decepción analizamos a súa busca no trivial para atopar a esencia. As súas obras sitúanse entre a ficción e a realidade para mostrar unha mirada que, a partir da observación dos pequenos cambios que acontecen ao noso arredor, reflexionar sobre a identidade, sobre a representación do suxeito. Illa Decepción recibiu o Premio Repsol de Narrativa Breve na mesma semana en que Carrusel, a súa anterior novela, gañaba o Premio da Crítica 2019. Falamos con ela sobre algúns dos trazos que caracterizan a súa obra. 

RVR Paisaxe e memoria

A produción deste estudio de arquitectura de apelidos RVR xira ao redor dos conceptos de paisaxe e memoria. Territorio e tempo son as súas ferramentas de traballo cotiá. Chegan a asegurar que non fan obras novas. Din que nada é completamente novo, todo parte dun lugar ou dunha historia á que pode dar continuidade.

Libros e música

Mario Regueira achéganos á novela A afogada, de Rocío Leira, ademais de Inma Otero Varela a escolma Poesía galega novísima, con 33 novos autores e autoras. Mais tamén nos presentan os Contos populares da provincia de Lugo e a obra lírica de Iria Pinheiro e María Lado, A fouce das avoas cherokee.

No apartado musical Mauro Borrazás fálanos do álbum Líquido de Druida e Andrés Díaz achéganos aos outros cancioneiros de Bal y Gay.