Sermos Galiza: banda deseñada galega, Paula Carballeira e o auxe da escalada

Parte da capa do nº408

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo con Paula Carballeira, una viaxe apaixonante polo cómic galego e unha aproximación á escalada na Galiza, unha actividade en voga.

Todo parece indicar que sopran bos ventos para a banda deseñada galega. Os datos anuais de produción melloran, o relevo xeracional está asegurado e a calidade dos traballos publicados é cada vez maior. No entanto, as dificultades comerciais e o desleixo das institucións públicas moderan o optimismo das persoas profesionais do sector, que ollan para os datos coa ilusión de quen ve abrollar o xermolo na terra traballada polas propias mans, mais tamén coa precaución de quen sabe da fraxilidade dos brotes se non se coidan coa debida dedicación. ‘Desde as trincheiras: Producir banda deseñada galega’ é o título da reportaxe na que neste Sermos galiza nos debruzamos sobre este tema.

'Paula Carballeira, esconxurando os medos’ é o título da conversa que Manuel Xestoso mantén con esta escritora, actriz e contacontos. Carballeira (Maniños, 1972) vén de recibir o Premio Gala de Libro por ‘A tartaruga Amodovou’ (Oqueleo), a historia dunha tartaruga que quere percorrer o mundo enteiro para gardar a memoria das paisaxes, dos sons e das palabras: podería ser unha boa definición desta pioneira da narración oral e do teatro infantil. Ademais, nestes últimos meses publicouse ‘Somos os monstros’ (Xerais) –que gañou o Premio Manuel María de Literatura Dramática–, a compañía Galeatro estreou a súa obra ‘Carabela’, e foi a escollida para dar o pregón de inauguración da última Mostra de Teatro de Cangas.

"Estamos moi afeitos a contar as cousas para darlles importancia, para que non se esquezan. Esa peculiaridade é a que fai que os narradores e as narradoras galegas sexan moi apreciadas fóra", confesa nesta conversa.

‘Enganchados ás rochas’. Achegámonos ao pulo que está a ter na Galiza a escala, da man de actividades tan ligadas ao país como os cantís. A escalada na Galiza está en plena efervescencia. Após varias décadas nas que permaneceu como un deporte con escasa difusión e relevancia alén dun círculo de pioneiras, nos últimos anos cada vez máis xente se achega a probalo. Logo da apertura de rocódromos por case todas as cidades do país e impulsada tamén polo feito de alcanzar o status de deporte olímpico, a escalada galega semella abrirse un oco entre as xeracións máis novas.ç

“Se non hai mar, hai río”

Dínolo o Colectivo Xea. “O verán é, por tradición, tempo de praia, tempo de combater a calor gozando co refresco da auga, mais vivir ou gostar do interior non ten que ser impedimento para facelo, porque na Galiza, ademais dos moitos quilómetros de areais de toda caste e lonxitude que podemos atopar ao longo da costa, no interior tamén contamos cunha extensa oferta de auga e lecer ao longo da rede hidrográfica”, indícannos.

E non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema e escena achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, Susana Sánches Aríns, Belem Tajes, Irene Pin, César Morán, Andrés Castro, Manuel Xestoso.