Novo caderno co semanario

"Sermos Escola", un intercambio de experiencias no ensino

Colexio Campolongo_PontevedraViva

Co Sermos Galiza 265 publícase un novo caderno que se suma aos bimestrais Comprendermos –da Fundación Moncho Reboiras–, Sermos Adega –de ADEGA– e Somos Galego –da Mesa pola Normalización Lingüística–. Trátase do Sermos Escola, un suplemento da AS-PG que se publicará cada dous meses.

O Sermos Galiza 265, á venda xa na loxa e nos quiosques, vén acompañado dunha novidade: o Sermos Escola, un caderno bimestral realizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Trátase dun suplemento que ten como propósito servir de plataforma de intercambio de experiencias en diferentes etapas e niveis educativos, así como ofrecer reseñas de material didáctico, entrevistas e aproximación á historia escolar da Galiza.

 

O primeiro número do Sermos Escola recolle algúns dos proxectos e actividades que desenvolve a AS-PG e mergúllase no primeiro instituto da Galiza, así como as súas docentes pioneiras. A respeito das experiencias, dáse conta do proxecto de reciclaxe da escola infantil Pasiños do Concello de Abegondo, da Innovación en audioloxía protésica desde o CIFP Ánxel Casal-Monte Alto e do proxecto A lus do mundo, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.

 

Cheikh Faye, autor do libro Ser modou modou (editado pola AS-PG), infórmanos sobre a experiencia docente do Senegal, mentres que Manual de escola, de Xosé Tomás, o Xogo da Curuxa e os espazos web centran a sección das reseñas.

 

Fecha este primeiro número unha sección sobre as mestras destacadas da historia do ensino galego –desta vez dedicada a Elvira Bao Maceiras– e o calendario trimestral de formación cos cursos presenciais ofertados pola AS-PG.

 

[O Sermos Escola está á venda co Sermos Galiza 265, xa dispoñíbel na loxa e nos quiosques]