Resumo do número

Sermos 217: Unha radiografía sobre a contaminación que sufrimos

O Sermos Galiza 217 chega ás casas e aos quiosques con temas que abranguen desde os riscos da contaminación na saúde dos galegos e galegas á entrevista a Carmen Santos, pasando pola situación en Siria, polo desembarco da China no mercado galego ou polos cen anos das mártires de Nebra. Todo isto, e moito máis, xa está dispoñíbel na loxa.

Para medir a contaminación, a Organización Mundial da Saúde fixa para as partículas máis pequenas (de 2,5) unha concentración máxima “saudábel” de 10 microgramos por metro cúbico e de 20 para as de menos de 10. Nos mapas sobre contaminación elaborados recentemente pola OMS indícase que as poboacións urbanas da Coruña, Compostela, Vigo e Lugo superan os límites de 10 microgramos por metro cúbico en partículas máis pequenas e os 20 nas de maior tamaño que se miden. No limiar, con 10 e 19 e 10 e 18, respectivamente, atópanse os núcleos de Ferrol e Pontevedra. Que efectos ten isto para a nosa saúde? Damos conta deles no Sermos Galiza 217.

No semanario, que nesta ocasión recolle as columnas de opinión de Pilar García Negro e Xavier Queipo, tamén publicamos unha reportaxe sobre a experiencia da casa comunal impulsada polo Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, de Sarreaus. Tamén nos facemos eco da última campaña de Adega, encamiñada a declarar o Pedregal de Irimia Monumento Nacional.

A entrevista a Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos na Galiza, que salienta que “non se pode atribuír o éxito da Marea só a Podemos”, abre a sección de Política, que tamén dá conta da organización do grupo parlamentar máis feminista desta lexislatura, o do BNG.

A campaña electoral dos EUA, da man dunha análise de Roberto Mansilla, e a inestabilidade política en Siria, onde se libra a batalla polo control de Alepo, centran a sección de Internacional, en que tamén aludimos ao aniversario das persoas desaparecidas en Ayotzinapa.

Aliás, o Sermos 217 debulla o desembarco do capital chinés na economía galega e o estado de saúde do sector económico do viño.

Os cen anos das mártires de Nebra abren a sección cultural, que chega esta semana ateigada de contidos do máis variado asinados por Fran P. Lorenzo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Pepe Barro e Felipe Senén. Máis un número recollemos a crítica literaria e a de cinema, así como a axenda, os petiscos de palabras e mais as Palabras con memoria. Tamén saímos de andaina co Colectivo Xea a Noia e deleitámonos co balneario de Laias, entre outras propostas.

 

[O Sermos 217 xa está dispoñíbel nos quiosques e na loxa]