ESTA QUINTA FEIRA, NOS QUIOSQUES

O Sermos 182 vén carregado de novidades

O Sermos Galiza número 182 -a segunda entrega do semanario co novo deseño de Pepe Barro- chega esta quinta feira 11 de febreiro carregado de novas seccións, entre elas unha columna do analista político Antón Losada sob o título xenérico de Arrenégote Demo.

 

Sermos Galiza continúa co proceso de mellora dos contidos do semanario e esta quinta feira, na súa entrega número 182, abre novas seccións con vista a debruzarse sobre novas perspectivas da vida política, social, económica, cultural, da Galiza.

Destarte, neste número vaise incorporar á sección de Opinión con carácter periódico o analista político Antón Losada. Colaborador, entre outros meios, de Cuatro, a SER e El Periódico de Catalunya, o tamén profesor da USC escreberá unha columna mensal baixo o título xenérico de Arrenégote Demo. A súa primeira entrega abordará o asunto de como van preparando, ou non preparando, as distintas forzas políticas a súa candidatura para as eleccións galegas.

A actualidade do cinema do país -que se está a filmar, que proxectos hai á vista- tamén terá o seu espazo no Sermos, coa asinatura de Olaia Ledo. E, canda o cinema, o teatro subirá aínda ao palco no semanario, da man dun dos críticos máis prestixiosos do país, Manuel Xestoso.

A cultura é unha aposta vocacional do Sermos desde o comezo da andaina deste proxecto de comunicación e iso terá o seu reflexo neste número 182, coas primeiras entregas de senllas seccións sobre literatura infantil e xuvenil -baixo a denominación xenérica de Letras Miúdas- e de Patrimonio Cultural Galego -sob o título de Eira das Mouras. Estarán a cargo de Mónica Pazos e Felipe Senén, respectivamente.

As novidades complétanse cunha sección quincenal sobre membros destacados das Irmandades da Fala, neste 2016 en que se fai o centenario do xurdimento da primeira organización nacionalista no país. Inaugurámola cun perfil de Ramón Vilar Ponte da autoría de Pilar García Negro.