O Sergas vacinará desde xuño contra o herpes zóster e realizará cribados 'piloto' de cancro

Sanidade destaca "o éxito" da experiencia da vacinación na Galiza contra a Covid-19 e a gripe. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Sanidade avanzou que "nesta lexislatura" iniciaranse programas piloto de cribados de cancro de pulmón e próstata.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezará no mes de xuño a vacinar a poboación xeral contra o virus do herpes zóster. Ademais, mellorará a administración da vacina contra o pneumococo en persoas adultas para que cubra até 20 serotipos diferentes. Até o de agora cubría 13, polo que o Sergas aspira á "máxima protección" contra patoloxías como a pneumonía, as infeccións de oído e a bacteriemia.

Segundo avanzou esta terza feira o titular de Sanidade, Julio García Comesaña,  a campaña contra o virus do herpes zóster, cuxa inmunización, até o momento, ía dirixida a determinados grupos de risco, arrincará a mediados de ano coa vacinación das persoas maiores que fagan 65 e 80 anos.

Sanidade destaca "o éxito" da experiencia da vacinación na Galiza contra a Covid-19 e a gripe, á que suma tamén a campaña de inmunización contra o virus do papiloma humano impulsada nos últimos meses en nenores de 12 anos, que chegou a 50,2% deste grupo de idade, con 6.079 menores cubertos.

Resaltou o conselleiro, ademais, a incorporación da vacinación infantil fronte ao meningococo B o pasado novembro, con case o 100% de cobertura, ao alcanzar a 2.907 bebés de dous meses, que repetirán aos catro e aos doce meses.

Cribados oncolóxicos

No apartado de detección precoz de enfermidades, Sanidade avanzou que "nesta lexislatura" iniciaranse programas piloto de cribados de cancro de pulmón e próstata, unha vez estea dispoñíbel en toda Galiza o de pescozo uterino, "dous anos antes" do prazo fixado pola Unión Europea.

Así mesmo, incluirá tres novas patoloxías no programa de detección precoz de doenzas conxénitas en neonatos: a atrofia medular espinal, a inmunodeficiencia combinada grave e a hiperplasia suprarrenal conxénita.