O Sergas abre este sábado a vacinación contra a gripe a todas as crianzas menores de 5 anos

A vacinación será posíbel tamén nos hospitais comarcais. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
"Cando o PP entra pola porta, os servizos públicos saltan pola xanela", dixo no debate parlamentario o portavoz do PSdeG, Luís Álvarez.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou na sesión de control do Parlamento desta cuarta feira que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ofrecerá este sábado aos pais e nais de menores de 5 anos a posibilidade de vacinalos contra a gripe en todos os hospitais galegos, incluídos os comarcais.

Así o trasladou o presidente en resposta ao portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, nunha pregunta centrada na xestión actual dos servizos públicos na Galiza.

O socialista advertira de que aos populares "vailles no ADN" non preservar "os servizos públicos". "Cando o PP entra pola porta, os servizos públicos saltan pola xanela", apostilou.

Rueda contraatacou cunha dura crítica ao Goberno estatal pola suba prevista da peaxe da AP-9 e insistiu en que a Xunta, coa mesma concesionaria, "tira" de orzamentos autonómicos para frear a alza nas autoestradas de titularidade galega.

E como exemplo de "como se blindan" os servizos públicos no país tamén aludiu á vacinación. Entre outras cuestións, expuxo que a Galiza dotouse do calendario de vacinación infantil "máis potente do Estado", tras o reforzo que supuxo asumir o custo das doses para inmunizarse fronte ao papiloma humano ou a meninxite B.

Pero nun contexto marcado polo aumento das infeccións respiratorias con especial intensidade na poboación en idade pediátrica, tal e como alertaron recentemente profesionais en declaracións a este xornal, tamén aludiu á gripe.

Así, anunciou que, tras o "éxito" da experiencia piloto efectuada a pasada fin de semana no Hospital Clínico de Santiago, optouse por ampliar o plan e facilitar que o sábado os proxenitores poidan levar aos nenos e nenas de entre seis meses e 5 anos aos hospitais galegos para seguir avanzando na vacinación.