O Sergas ultima o sistema para pedir cita para vacinarse contra a Covid-19

Un 48% da poboación galega xa está inmunizada fronte á Covid. (Foto: Xunta da Galiza).

Sanidade conta lanzalo "nos primeiros días de xullo" e advirte que esta alternativa vai dirixida a persoas que teñan "algún problema específico". A modalidade de 'autocita' comezará a funcionar ao mesmo tempo que os chamamentos da poboación de entre 30 e 39 anos.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) está "ultimando a mecánica" do sistema para pedir cita para vacinarse contra a Covid-19 co obxectivo de lanzalo "nos primeiros días de xullo". Este método manterase en funcionamento de forma paralela á xestión de citas que Sanidade vén desenvolvendo de forma habitual desde o principio da campaña de vacinación, con chamamentos programados por grupos de idade.

Nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que a ferramenta na que traballan para pedir cita voluntaria servirá para que as persoas pendentes de se vacinar poidan "acceder a certos días da axenda" a pesar de que non lles toque por idade.

Segundo dixo, o Sergas está pendente de realizar "algúns axustes" antes de pór o sistema a disposición da poboación. García Comesaña precisou que esta alternativa está pensada por se "algunha persoa ten algún problema específico" como pode ser o caso de estudantes que marchen fóra cunha bolsa Erasmus ou de persoas con algún asunto "laboral ou educativo" previsto.

Vacinación de 30 a 39 anos

O conselleiro de Sanidade confirmou, ademais que nos primeiros días de xullo, Galiza comezará coa administración de primeiras doses da vacina contra a Covid a pacientes de 30 a 39 anos, co obxectivo de dedicar "todo o mes" a este grupo de idade. De igual modo, prevé acabar co mes de xullo a aplicación das segundas doses ao colectivo de entre 40 e 49 anos, de maneira que dispoñan da pauta completa.

Ademais, abriu a posibilidade de que as persoas de 30 a 39 anos, as próximas en ser chamadas a vacinarse por defecto, tamén poidan pedir cita elas mesmas a través do novo sistema. Pero o conselleiro recoñeceu que será "complicado", porque existirá "o risco" de que sexan chamados por ambas as vías.

Entrega de máis doses

García Comesaña explicou que esta semana o Sergas recibirá "un número máis alto" de doses do habitual, pero precisou que este aumento se debe a que en semanas anteriores a chegada de vacinas "se reduciu un 12%".

A isto sumou a "mala noticia" de que a recepción destas cantidades extraordinarias "acaba o 5 de xullo". "Non poderemos ir todo o rápido que nos gustaría", lamentou.

Con todo, e a pesar de que "sempre hai incidencias", o conselleiro de Sanidade volveu a estimar que "a finais de agosto" Galiza alcanzará a inmunidade de grupo, co 70 por cento de poboación cuberta pola vacina.

A día de hoxe, segundo o último balance feito público por Sanidade, 68% da pobaoción galega conta con polo menos unha dose e máis de 48% está xa inmunizada.