O Sergas tentará reorganizar citas de vacinación das galegas que estean fóra cando sexa a súa quenda

Indicador dun punto de vacinación na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ve "razoábel" esta adaptación ás necesidades da cidadanía mentres enfermas con doenzas inmunodepresoras padecen problemas para cadrar a inoculación da vacina contra a Covid-19 cos seus tratamentos.

O Sergas ten previsto modificar a súa axenda da campaña de vacinación fronte á Covid-19 para casos puntuais e xustificados nos que as e os galegos que marchen de vacacións a outra zona da Galiza non fiquen sen o tratamento que lles corresponde. A afirmación do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, é positiva mais non deixa de amosar certa discriminación con grupos vulnerábeis aos que non se lles adaptaron as quendas aos tratamentos, tal e como lles recomendaron as súas médicas especialistas.

O líder do Executivo galego afirmou na quinta feira que é "razoábel" que o Servizo Galego de Saúde estude vías para "reordenar" as citas para aquelas persoas que teñan fechadas as súas vacacións laborais e marchen a outro punto do país lonxe da súa área sanitaria cando lles tocaría ser inmunizadas.

Feixoo destacou que, ao seu parecer, non se van dar moitos destes casos na Galiza porque "non hai grandes distancias" pero abre a porta a que a xente faga as solicitudes que considere para adiar ou trasladar a vacinación.

Así, puxo como exemplo a un veciño de Tui que gozase das férias na Mariña e tivese que volver ao seu concello para inmunizarse ante o coronavirus. En todo caso, malia que se vaian estudar os casos concretos, pediu á maioría das e dos galegos que atendan ás súas citas.

Pero ese estudo que se concede por vacacións non se fixera, polo menos até hai uns días, con colectivos de enfermas que levaban pedindo solucións ao Sergas varias semanas. É o caso, por exemplo, de pacientes de enfermidades inmunodepresoras ás que non lles aceptaron estabelecer as quendas entre varias doses dos seus tratamentos habituais, como lles pediron as facultativas que lles fan seguimento.

Atracción do turismo

Tamén lamentou que o Goberno do Estado non escoitase as propostas da Xunta para artellar "unha vacinación flexíbel" en períodos de descanso, de forma que calquera cidadá puidese recibir a dose que lle correspondería en calquera dos territorios.

Aliás, trasladara a idea de utilizar os tratamentos coma un reclamo turístico e nesta quinta feira insistiu en que se perde "unha oportunidade" de reactivar as viaxes e, en consecuencia a economía. "É unha pena pero lamentábelmente non puidemos encontrar un eco favorábel", resumiu.