O Sergas só ten 100 dentistas para atender toda Galiza

Un neno atendido na consulta dunha odontóloga. (Foto: Irekia / Europa Press)
A falta de persoal odontólogo segue a ser un dos puntos febles da sanidade pública galega. As cifras destes especialistas na Galiza mantéñense desde hai máis dunha década na contorna dos 100 para toda a poboación do país, mentres que o número de persoal colexiado ascende, cos últimos datos, a 2.454.

A sanidade pública na Galiza necesita persoal odontólogo. Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), referidos a 2023, o Sergas só conta con 100 dentistas sumando todas as súas áreas sanitarias. Contabilizando o último dato de poboación no país ese ano, fixado polo IGE en 2.699.424 persoas, cada especialista debería atender un total de 26.994 pacientes. Pola contra, segundo o informe Demografía dos dentistas en España 2023, realizado polo Consello Xeral de Dentistas do Estado español, Galiza fechou 2023 cun total de 2.454 profesionais colexiados, o que significaría que cada odontólogo ou odontóloga podería atender 1.100 pacientes.

Acudir ao privado

Segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), as visitas ao dentista teñen que ser regulares. Porén, a través dunha enquisa propia que deron a coñecer en novembro, dúas de cada dez persoas non contan co orzamento familiar abondo para facerse revisións e só van no caso de teren problemas –dous de cada dez–. Ademais, constatan que tres de cada dez teñen moitas dificultades para pagar os tratamentos e só catro de cada 10 seguen a recomendación de visitar o dentista unha vez ao ano para revisión e limpeza dental. 

Ademais, 62% de quen nunca fai revisións indica que é porque lle resulta demasiado caro e non pode asumir o custo. Esta foi a razón que deron, tamén, as persoas que se entrevistaron e tiveron que atrasar ou cancelar un tratamento odontolóxico (52%).

Alén diso, a OCU lembra que a sanidade pública ten unha cobertura moi limitada, xa que apenas cobre as extraccións dentais, algunhas enfermidades da boca e algo de prevención para nenas e nenos ou mulleres embarazadas. Para tratamentos tan comúns como empastes ou endodoncias hai que acudir a un dentista privado, e son moitas as familias que non poden afrontar o custo, segundo constatou a mesma enquisa. 

Situación mundial

Neste sentido, xa en 2022 a Organización Mundial da Saúde (OMS) puxo o foco na situación de desigualdade en todo o mundo en relación á posibilidade de contar con especialistas odontólogos públicos e demandaba unha cobertura sanitaria universal para a saúde bucodental de aquí ao ano 2030. Recorda a importancia de tratar estas enfermidades que considera "un importante problema de saúde pública para os países e poboacións de todo o mundo".

Como exemplo do que significan a escala mundial, a OMS sinala que "afecta case 3.500 millóns de persoas, e tres de cada catro viven en países de ingresos medianos". Ademais, contabiliza que as enfermidades bucodentais son as máis estendidas de todas as afeccións e enfermidades da humanidade, superando, en conxunto, outras como o cancro, as enfermidades cardiovasculares, a diabetes, os trastornos mentais ou as enfermidades respiratorias crónicas.

O gasto medio por habitante en odontoloxía é de 83,01 euros

O gasto no dentista por habitante está situado na Galiza nos 83,01 euros, segundo datos –referidos ao ano 2022– do Instituto Nacional de Estatística (INE) citados no informe Saúde bucodental e exclusión económica: Un custo social evitábel, realizado por Donte Group. A media estatal en saúde bucodental está 85,88 euros. No mesmo estudo sinálase que cun maior gasto estarían A Rioxa (115,78 euros), Aragón (107,74 euros) e a Comunidade de Madrid (107,26 euros). Cun gasto inferior á Galiza situaríanse, entre outros, Murcia (69,75 euros), o País Valencià (64,11 euros) e as Illas Canarias (60,95 euros). A táboa féchaa Estremadura, cuxo gasto non alcanza os 50 euros. 

Aumento do gasto

O aumento de gasto en sanidade, contando outras especialidades, incrementouse de maneira notábel na Galiza. En maio deste ano, un informe da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) sobre a privatización das comunidades autónomas en 2024 precisaba que o gasto en sanidade aumentou na Galiza 9,1% con respecto ao ano pasado, chegando a ser, de media, de 549 euros anuais por persoa en comparación co que contemplaba o informe anterior (503 euros), mentres que a media no Estado español era de 504 euros.