O Sergas sanciona o enfermeiro e divulgador Héctor Castiñeira despois de afirmar que asinou "máis de 500 contratos en 14 anos"

Dispositivo multimedia no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Sergas)
O sanitario denunciou as precarias condicións de traballo do persoal sanitario.

O enfermeiro Héctor Castiñeira, máis coñecido polo seu labor de divulgación desde a conta de Twitter ‘Enfermera Saturada’ (@EnfrmraSaturada), anunciou esta cuarta feira que o Sergas lle impuxo unha sanción despois de afirmar nun programa de La Sexta que “asinou máis de 500 contratos no sistema público de saúde en 14 anos”.

“Un par de días despois da miña participación en laSexta Xplica recibo unha carta asinada polo xerente do hospital: Un ano penalizado ao final da bolsa de emprego. Caio 780 postos”, explicou Castiñeira na súa conta de Twitter.

O sanitario, que actualmente traballa na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, afirmou que xa presentou recurso contra esta sanción. “Non ten sentido nin razón, pero poden tardar até tres meses en responder”, engadiu.

“Está a haber dificultades para cubrir permisos de compañeiras, aos que teñen dereito, mesmo están a ser anulados por que non hai enfermeiras. Se as penalizas por 'erros administrativos' que leva meses resolver e que son máis frecuentes do que debería, será peor”, insistiu Castiñeiras.

Declaracións de Héctor Castiñeira

Na súa intervención no programa polo que foi sancionado, Castiñeira explicou que é “enfermeiro de UCI con 14 anos de experiencia laboral. O meu salario é de 1.670 euros cunha retención de 20%”.

“Se quero gañar algo máis facendo noites ou traballando os festivos, gaño 300-400 euros máis na nómina. Non cobro máis que iso”, engadiu o sanitario, queixándose dos baixos salarios que cobran os profesionais do sistema público de saúde no Estado español.

Sobre a marcha ao estranxeiro de poboación con estudos sanitarios, Castiñeira afirmou que “é normal” pola precariedade, e puxo de exemplo o seu propio caso. “Teño 31 folios impresos de vida laboral. Asinei máis de 500 contratos no sistema público de saúde en 14 anos, con contratos de un ou dous días, cortando en fin de semana para non pagalas”, denunciou.

O enfermeiro concluíu a súa intervención asegurando que “non é só” o seu caso, “senón que o de milleiros de enfermeiras e enfermeiros obrigados a marcharse ao estranxeiro”.