O Sergas retoma a vacinación con AstraZeneca co "persoal esencial"

Doses de vacinas de AstraZeneca (Foto: Europa Press).
Nos centros de saúde proseguen as e os maiores de 80 cos viais de Pfizer e Moderna.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) volverá administrar a partir desta cuarta feira as vacinas de AstraZeneca, após terse paralizado na última semana.

Segundo informou nesta terza feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, as primeiras persoas citadas serán as que quedaron pendentes pola suspensión cautelar da vacinación, isto é, profesionais de "colectivos esenciais" definidos na estratexia de vacinación, entre os que se inclúen os corpos policiais.

"Estamos a traballar para incorporar canto antes as e os maiores de 50 neses grupos até os 65 anos, e seguir cos esenciais coa ampliación de idade", explicou, e aclarou que, polo de agora, o Goberno galego non valora vacinacións masivas: "Depende do número de doses. O obxectivo, de momento, é vacinar só as e os esenciais".

Así, Sanidade retomará o proceso cos grupos de poboación 3B (persoal implicado na xestión e resposta da pandemia), 3C (resto do persoal sanitario e sociosanitario que non fose vacinado aínda) e 6 (Garda Civil, Policía Nacional e Local, bombeiros, etc.).

Maiores de 80 anos

No tocante aos puntos de vacinación, García Comesaña asegurou que o Sergas está a inocular as e os profesionais "nos hospitais", reservando, deste modo, os centros de saúde para vacinar cos viais de Pfizer  e Moderna as persoas maiores de 80 anos.

"Se temos vacinas suficientes e podemos recorrer á inoculación dun número importante de galegas e galegos, recorreriamos aos puntos que xa probamos hai un par de semanas", engadiu, en alusión á recente proba piloto de vacinación masiva.

Até o de agora foron administradas máis de 385.000 doses de vacina contra a Covid-19, e perto de 120.000 persoas recibiron a pauta completa.