O Sergas retoma os cribados na comarca do Salnés

EuropaPress_3469032_hombre_recibe_prueba_pcr_dispositivo_cribados_masivos_barrio_raval
O Servizo Galego de Saúde continúa desde esta fin de semana cos cribados preventivos con PCR, desta vez na Illa de Arousa, O Grove, Vilagarcía de Arousa e Bueu, concellos que experimentaron un aumento nos contaxios por Covid-19

Unha vez pasadas as festividades de Nadal, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) retoma esta fin de semana os cribados preventivos con PCR nos concellos da Illa de Arousa, O Grove, Vilagarcía de Arousa e Bueu, pertencentes á área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, após rexistrar un aumento nos contaxios por Covid-19.

Segundo explicou a área Sanitaria nun comunicado, "a finalidade destes cribados é detectar o maior número posíbel de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios".

Tal e como indicou o Sergas nun comunicado, a previsión é que a toma de mostras, que en Vilagarcía de Arousa comezou o 24 de decembro cun brote nun colectivo de etnia xitana, continúe este sábado 26 cun cribado voluntario na Illa de Arousa.

As probas PCR realizarase no centro de saúde e estímase que se sometan a elas 500 persoas de entre en 15 e 24 anos. Os test realizaranse en quenda de mañá ─de 9,00 a 15,00 horas─ e de tarde ─de 16,00 a 19,00 horas─.

Tamén están previstos cribados voluntarios no Grove para o 29 e 30 de decembro. Realizaranse no pavillón municipal en quendas de mañá e tarde. O Sergas estima que se someterán aos test unhas 1.000 persoas de entre 15 e 24 anos.

Doutra banda, realizaranse probas preventivas con PCR ao sector da hostalería do Concello de Bueu a próxima segunda feira, 28 de decembro.

Ademais, a área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés contempla efectuar un novo cribado voluntario ao persoal do centro comercial de Vilagarcía de Arousa o 2 de xaneiro e, de continuar a incidencia epidemiolóxica como até o de agora, é dicir, en nivel alto, non descarta a ampliación dos municipios "nos próximos días".