18-F

O Sergas remite no último día de campaña ao persoal de Sanidade SMS lembrando aumentos nas retribucións

SMS remitido ao persoal médico. (Foto: Nós Diario)

Sanidade infórmalles de incrementos na retribución das gardas e por novos graos na carreira profesional, con atrasos desde 1 de xaneiro.

Días intensos de actividade na mensaxería móbil do Servizo Galego de Saúde. Persoal médico está a recibir esta sexta feira, última xornada da campaña electoral, SMS do Sergas nos que se lle informa de van percibir incrementos nas súas retribucións.

Unha das mensaxes, á que tivo acceso Nós Diario, informa aos receptores (persoal médico): “Novos importes das gardas de presenza física. Informámolo que a partir desta nómina terán as seguintes contías: Gardas de presenza física de 17 horas con 476? e 672? as de 24 horas, e a 5a garda e sucesivas 629? (17 horas) e 888 (24 horas)”.

Noutra SMS enviada polo Sergas, os médicos de Atención Primaria poden ler que “a partir da nómina deste mes de febreiro seralle abonado mensualmente un novo grao de carreira profesional con atrasos desde xaneiro de 2024”. As “melloras retributivas”, apunta a mensaxe de telefonía móbil, é dun “incremento na nómina nas noites dos días laborables en 7,9%” e en festivos e noite prefestiva de sábado de 15,7%. As noites de sexta feira serán abonadas como festivas”. As mesmas cantidades e conceptos tamén lle chegan vía SMS do Sergas a técnicos e enfermeiras.

Ademais, os médicos residentes tamén reciben unha mensaxe SMS do Sergas na que se lles informa dos “novos importes das gardas de persoal residente en formación: abonaraselle a partir desta nómina en días laborables cun incremento de 7,9% e en festivos 15,6%”.

Entre o persoal hai incredulidade por estas mensaxes. É a primeira vez que se lles fai este tipo de comunicación e que esta se produza a escasas 48 horas da apertura de colexios para as eleccións galegas non deixa de levantar suspicacias. Cómpre lembrar que o aumento na cantidade que se paga polas gardas chegou após unha folga de persoal médico en abril do ano pasado.

"Grazas pola confianza na sanidade pública"

"Consellaría de Sanidade, Saúde Publica. Parabéns por decidir protexer nesta campaña o teu fillo/a das potenciais complicacións da gripe. Grazas pola confianza nos programas de saúde publica de Galicia". Esta é a mensaxe que recibían a finais de xaneiro vía SMS pais e nais de crianzas vacinadas ao longo destas semanas no marco da campaña contra a gripe.

Algunhas desas familias mostraron a Nós Diario a súa sorpresa por recibir estas mensaxes de texto. Un feito que se producía a escasos días de que decorra unha manifestación nacional este domingo en Compostela en defensa da sanidade pública e cando se estaba en plena precampaña para as eleccións do 18-F  e onde a sanidade pública é un dos principais temas de debate e propostas entre as diversas formacións.