O Sergas recoñece que fechará 140 camas no CHUS durante o verán

Hospital Clínico de Compostela

A área de xestión sanitaria integrada de Santiago, que atende unha poboación superior a 450.000 habitantes de 47 concellos, prescindirá de 12% das camas hospitalarias durante os meses estivais, segundo admitiu o conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, asegura que non hai razóns “técnicas nin asistencias” que xustifiquen esta decisión da Xunta. Así, aposta na contratación de persoal sanitario para crear emprego e reducir as listaxes de agarda de modo a garantir que as persoas doentes “reciban a atención adecuada no prazo prescrito en función da súa patoloxía”.

Para o titular de Sanidade da Xunta, a planificación en época estival xustifícase nos menores índices de ocupación hospitalaria nestas datas, debido a unha “redución estacional de patoloxías e á correlativa redución de ingresos por enfermidade”; en concentrar “a maior parte das vacacións do persoal, posto que, como sucede con outras profesións, é o período máis demandado para vacacións regulamentarias” e, ademais, en aproveitar “cando hai menos pacientes para facer obras de mantemento nos centros”.

A CIG-Saúde retrucou que se trata dun “peche patronal no que o conselleiro, que actúa como xerente desta empresa, utiliza o argumento de que isto vén motivado polas vacacións do persoal”. A solución pasa por tirar das listaxes de contratación en ausencia do persoal que marcha de vacacións, defende.

Isto inscríbese no afán de desmantelar a sanidade pública para beneficiar a privada, pois a Xunta non ten en conta milleiros de pacientes das listas de espera cirúrxicas e de consultas e, moito menos, o persoal que ve como se desvaloriza a súa carreira profesional con contratos en precario e con perda de salarios e dereitos laborais, argumentan na central sindical.

Ademais, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública lembra que “o verán é unha época do ano exactamente igual ca outra, con pacientes crónicos e agudos”, á vez que remarca que hai patoloxías derivadas da época estival. Como cada ano, mostra o seu rexeitamento a esta redución de camas e de servizos e cuestiona o feito de que se poida restrinxir o uso de quirófanos, departamentos, camas e servizos.

No ámbito político, o BNG trasladou a semana pasada unha petición de información ao Parlamento e considerou “indecente” o número de camas que se fechan durante os meses de verán. A responsábel de Sanidade nacionalista, Montserrat Prado, acusou o goberno de tomar esta medida “sen consenso e con escurantismo, sen ofrecer ningunha información a profesionais sanitarios”.

Ampliación do CHUS

Ante a demanda existente, a Xunta ten prevista a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e a reordenación do Hospital de Conxo e do Gil Casares, decorrente do proxecto para a construción da nova Facultade de Medicina e Odontoloxía en Santiago de Compostela.

Nos vindeiros meses, o Sergas definirá o plan funcional e estima contar, no prazo dun ano, co proxecto de obra licitado. Este plan da Xunta recolle a potencialidade para ampliar zonas de consultas externas para ámbitos ambulatorios e de crecemento en hospitalización para áreas de urxencias e de quirófanos.