O Sergas recomendará a 90.000 galegos menores de 60 a segunda de Astrazeneca mais non asegura ter subministración

Doses da vacina de AstraZeneca. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Pedirá aos usuarios que asinen un consentimento informado sobre a elección desta vacina.

O  Servizo  Galego de  Saúde (Sergas) recomendará aos ao redor de 90.000 galegos -dos cales uns 60.000  pertenencen a colectivos esenciais- menores de 60 anos que elixan a segunda vacina de  Astrazeneca para completar a pauta  vacunal, mais polo momento non asegura contar coa subministración para que todas as persoas que o queiran así de forma voluntaria reciban o fármaco británico.

Deste modo, a "prioridade" do Sergas será a de completar as dúas doses de  Astrazeneca para o colectivo de entre 60 e 69 anos (e os de 59 anos vacinados que fagan 60 este ano), debido a que para eles mantense a vacinación con este fármaco na estratexia a nivel de Estado.

No caso de que haxa subministración suficiente, como confirmou o presidente da Xunta esta quinta feira na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno, Galiza tamén administrará a segunda dose de  Astrazeneca a todos os menores de 60 anos que o queiran.

A posición que Galiza defendeu na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde ( CISNS) foi a de manter a segunda dose de  Astrazeneca, en base á evidencia científica, a ficha técnica do fármaco, o aval da Axencia Europea do Medicamento e as voces que asesoran o Sergas, unha delas, manifestada publicamente polo investigador Federico  Martinón.

Con todo, o recorte de subministración de  Astrazeneca e a ruptura do contrato por parte da Unión Europea coa farmacéutica británica supón que haberá unha diminución na recepción de dose para toda a Unión Europea.

Así as cousas, Feixoo indicou que pedirán ao Ministerio de Sanidade que aclare a Galiza de cantas doses de  Astrazeneca dispoñerá para vacinar.

No caso de que haxa suficientes para administrar aos maiores de entre 60 e 69 e aos menores (90.000 galegos), o Sergas recomendará a segunda dose de  Astrazeneca e pedirá aos usuarios que asinen un consentimento informado sobre a elección, tendo en conta que a estratexia recomenda Pfizer -baseado nun estudo científico da Carlos III que avala a eficacia-.