O Sergas recibe máis de 2.000 solicitudes de ascenso na carreira profesional no primeiras cinco horas de prazo

Persoal sanitario. (Foto: Nós Diario)

Máis de 11.300 traballadores e traballadoras poden solicitar o ascenso até o 30 de setembro

O sistema 'FIDES' do Servizo Galego de Saúde (Sergas) rexistrou máis de 2.000 solicitudes de traballadores e traballadoras para ascender na carreira profesional nas cinco primeiras horas que estaba aberto o prazo, entre as 9 horas da mañá e as 14 horas da tarde.

Son datos que a Consellaría de Sanidade, que lembra que son máis de 11.300 os traballadores e as traballadoras que poden pedilo, para o que teñen de prazo até o 30 de setembro para facelo. Con todo, xa o fixeron máis de 2.000.

En concreto, os profesionais estatutarios poden acceder mediante este procedemento aos graos I a IV, mentres que hai outro proceso de carácter extraordinario para que o persoal temporal acceda ao II.

A carreira profesional tradúcese, principalmente, en maiores retribucións económicas: cada grao supón 3.345,36 euros anuais para persoal licenciado sanitario e 2.039,88 para persoal de Enfermería.

A Xunta dedicará 17,5 millóns de euros de orzamento a abonar este complemento retributivo ligado aos novos graos en 2024, que é cando empezarán a cobralo.

A avaliación dos méritos realizarana os comités de avaliación de cada área sanitaria da Galiza, tanto de Atención Primaria como Hospitalaria, e cada entidade vinculada: o 061, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), a empresa pública Galaria ou a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS).

Esta convocatoria ten como principal novidade, após un acordo cos sindicatos, que os residentes en formación (MIR) poderán solicitar o acceso ao grao inicial nos últimos anos do seu período formativo. Desta medida poderanse beneficiar 243 profesionais.

Ademais, o Sergas acurta o acceso ao grao I (cunha permanencia de tres anos en lugar de cinco) para os titores de médicos de familia, así como dos facultativos que accederon á especialidade de Atención Primaria por concurso de méritos.