O Sergas realiza un cribado na Pobra após detectárense 29 positivos en varios gromos

cribado para detectar casos de Covid-19 na área sanitaria de Santiago e Barbanza (Foto: Sergas)

Sanidade leva a cabo un cribado na Pobra do Caramiñal tras detectárense 29 casos en diferentes gromos vinculados entre si. Tamén realizará un cribado no concello de Carral.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) puxo en marcha un cribado no concello da Pobra do Caramiñal tras detectárense até a xornada de onte 29 casos en diferentes gromos vinculados entre si.

Segundo informou a área sanitaria de Santiago e O Barbanza, o cribado estenderase até a próxima cuarta feira, 7 de abril, co obxectivo de detectar posíbeis casos asintomáticos.

E n total, serán citadas case 6.700 persoas do concello con idades comprendidas entre os 25 e os 65 anos. A cita chegaralles vía mensaxe de texto ao móbil (SMS) e indicará o lugar -Hospital do Barbanza- e a hora.

Cribado en Carral a máis de 2.000 persoas

O Sergas tamén realizará un cribado no concello de Carral no que convidará a participar unhas 2.300 persoas para detectar casos de coronavirus que non presenten síntomas.

Segundo trasladaron fontes da área sanitaria da Coruña e Cee, o Sergas continúa a realización dunha "intensa actividade" de procura de casos positivos da Covid-19.

Neste sentido, realizará un cribado á poboación de entre 18 e 60 anos de Carral que terá lugar no centro de saúde do municipio entre este domingo, 4 de abril, e a terza feira.

Deste modo, citarase a toda a veciñanza do concello pertencente á franxa de idade estabelecida, que suma unhas 2.300 persoas, a través de SMS que se remitirán aos seus teléfonos móbiles.

Carral é un dos 17 concellos galegos que se atopan no nivel medio de restricións, o que implica que a hostalaría poida abrir a 30% de capacidade no interior e o 50% en terrazas. As reunións de non conviventes poden ser de até seis persoas en exteriores e de catro en interiores de hostalaría ou espazos públicos. Tamén, como no resto da Galiza, seguen prohibidos os encontros de non conviventes en domicilios.