17 días de suspensión por mover dous pacientes dos corredores de Urxencias

A doutora Fátima Nercellas, nunha imaxe da campaña de apoio (Foto: Carmen SP).
O Sergas propón unha sanción de 17 días de suspensión de funcións para a doutora Fátima Nercellas.

O instrutor do procedemento sancionador aberto polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) contra a doutora Fátima Nercellas vén de propor unha suspensión de funcións de 17 días ao entender que incorreu en dúas faltas graves.

O escrito, asinado esta segunda feira e ao que tivo acceso Nós Diario, fai alusión ao expediente que pesa sobre a sanitaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) por ter trasladado dous pacientes dos corredores de Urxencias á sala de Observación, debido á saturación do servizo.

Así, o Sergas propón unha sanción a Nercellas por ter cometido "dúas faltas graves": falta de obediencia aos seus superiores e incumprimento das súas funcións ou das normas reguladoras do funcionamento dos servizos.

Consecuentemente, insta a imporlle dez días de suspensión polo primeiro dos cargos e outros sete polo segundo, facendo un total de 17 días.

Tal e como informou este xornal na terza feira, a pasada semana o instrutor xa desestimara as alegacións presentadas pola doutora contra este expediente sancionador, así como a súa petición de comparecencia do resto do persoal médico de Urxencias.

Mostras de apoio

Diversos colectivos en defensa da sanidade pública e mesmo a Xunta de Persoal da área sanitaria de Compostela-O Barbanza, onde ela desenvolve a súa actividade, sinalan que o obxectivo do expediente sería "silenciar as súas reiteradas denuncias". De feito, en 2019 Nercellas trasladou á Fiscalía a morte de dúas persoas doentes nas Urxencias do CHUS agardando seren atendidas.

Aliás, unha petición aberta en Change.org na defensa da doutora e a prol do fechamento do expediente recolleu até o de agora perto de 5.000 sinaturas.

Segundo puido saber Nós Diario, Fátima Nercellas tamén presentará alegacións contra esta proposta de sanción nos xulgados cando esta sexa firme.