O Sergas priva da segunda dose a persoas desprazadas que foran citadas

Punto de vacinación habilitado na Cidade da Cultura de Compostela (Foto: Arxina).
Unha muller barcelonesa explica a Nós Diario como, malia ser citada este 3 de agosto en Compostela, lle negaron a vacina. Nun primeiro intre, de non terse decatado ela mesma, tería recibido o fármaco de Pfizer a pesar de corresponderlle o de Moderna. "Non poderei completar a pauta a tempo", lamenta.

Sandra López, unha muller barcelonesa que veu visitar a familia á Galiza nestas datas "tras máis de dous anos", foi vacinada en Catalunya coa primeira dose da vacina de Moderna, e, por mor da súa viaxe, consultou tanto ao Servei Català de la Salut coma o Servizo Galego de Saúde (Sergas) se podía completar a pauta en Compostela.

A resposta foi positivia e, após obter a tarxeta de desprazada, o Sergas citouna nesta terza feira, 3 de agosto, na Cidade da Cultura.

"A miña sorpresa chegou cando a enfermeira estaba a piques de picarme o brazo cun vial de Pfizer. Eu lembreille que me correspondía Moderna, mais, logo de informar da miña situación, finalmente dixéronme que non me ían vacinar porque a normativa mudara, aplicándoma de forma retroactiva xa que desde o Sergas aseguráranme que non había ningún problema", relata, en conversa con Nós Diario.

"De non terme decatado eu mesma, terían mesturado no meu corpo Moderna e Pfizer, porque a enfermeira tiña xa a xiringa na man. Puxen en Barcelona a primeira dose porque o Sergas garantírame que recibiría aquí a segunda", salienta.

Malia insistir en que non poderá completar a súa inmunización no intervalo estabelecido polas autoridades sanitarias —28 días—, convidárona a marchar do recinto. "Unha vez fóra volvín contactar o Sergas e a persoa que me atendeu non estaba ao tanto do cambio de criterio e afirmaba que se seguía a vacinar a persoas desprazadas", di.

Agora está pendente de que a Sanidade galega lle ofreza unha solución para recibir a segunda dose, xa que no sistema sanitario catalán, ao ter confirmado que se vacinaría na Galiza, non contan con ela. "Tería que explicar a miña situación e agardar, a saber canto tempo, por unha nova cita, fóra do prazo estipulado", engade.

Porén, López non foi a única damnificada en Compostela: "Pasoulle o mesmo a un home valenciano desprazado por motivos de traballo. Negáronlle a vacina, igual que a min, alegando que o Sergas mudara a normativa e que xa non se vacinaba a persoas de alén do sistema sanitario galego", afirma.