Mobilización das traballadoras o 23M

O Sergas prevé fechar 172 camas en Compostela

Segundo os dados comunicados pola xerencia á Comisión de Centro do CHUS, o Sergas prevé fechar este verán no Complexo Hospitalario de Compostela 172 camas: 112 no Hospital de Conxo; 42 no Hospital Gil Casares e 18 no Hospital Clínico.

Coa proximidade do verán achégase o feche de camas na sanidade pública galega. O Complexo Hospitalario de Compostela deixará de contar cun total de 172 –un total de 112 en Conxo; 42 no Gil Casares e 18 no Clínico–. Son cifras achegadas pola propia xerencia do Complexo Hospitalario de Compostela á Comisión de Centro do CHUS.

 

O presidente da Comisión de Centro, Camilo Agulleiro, advirte nun comunicado de imprensa que a xerencia “segue a interpretar as leis como boamente lle convén, e nesa liña limítase unicamente a entende que o traballo que ten que facer para a implementación de medidas a seguir para asegurar unha prestación universal de calidade, que contribúa á sustentabilidade do sistema de saúde, é pechar unidades e non contratar persoal dos listados de contratación”.

 

Como consecuencia disto, sinala o responsábel da Comisión de Centro, máis un ano “as axendas de consultas por enfermidade estarán fechadas até o remate das vacacións, aumentando as listaxes de agarda daquelas especialidades que se ven afectadas polo feche de camas”. Serían dermatoloxía; cirurxía xeral e dixestiva; oftalmoloxía; uroloxía e traumatoloxía.

 

Listaxes de agarda a decembro de 2017

 

Os últimos dados dispoñíbeis na páxina web do Sergas revelan que a decembro de 2017 no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela o tempo medio de espera para unha consulta externa era de 46,7 días.

 

Segundo puido saber Sermos Galiza, o tempo medio de espera para as áreas afectadas polo feche das camas durante o verán era, no pasado mes de decembro, o seguinte: 62,2 días para dermatoloxía; 44,9 días para cirurxía xeral e dixestiva; 42,3 días para oftalmoloxía; 40,2 días para uroloxía e 47,4 días para traumatoloxía.

 

Colapso nas urxencias

 

A Comisión de Centro lamenta que se empregue como argumento o feito de que no verán baixa o número de doentes, “cando ano tras ano podemos ver o colapso que isto provoca no servizo das urxencias, con máis de 20 e 30 pacientes pendentes de ingreso e con esperas de tres días por unha cama ou con derivación a centros privados”.

 

Para as traballadoras e traballadores, trátase “dunha nova agresión que incrementa o deterioro da sanidade pública e o intento de aforrar recursos públicos a costa de reducir prestacións sanitarias”. “O feche de servizos sanitarios xera un incremento en todas as listaxes de agarda e xera un incremento das listaxes do paro”, advirten. Isto, din, “obedece unicamente a criterios economicistas”. Nesta liña, acusan a xerencia de “condenar a cidadanía a non ter unha asistencia digna” e “condenar ao paro un gran número de traballadores”.

 

Mobilización

 

A Comisión de Centro convoca, contra o feche de camas, persoas usuarias e traballadoras a se concentraren esta cuarta feira, 23 de maio, ás 12.30h, no Hospital de Conxo.