O Sergas propón tratar as depresións desde o computador

[Imaxe kronikgune.org]

Galiza participa no programa Mastermind desenvolvido pola UE co que se prevé o tratamento telemático das depresións baixo a supervisión de médicos de atención primaria. 

 

Doentes de depresión poderían recibir tratamento através das súas computadoras. Esta é a idea lanzada pola Unión Europea baixo o programa Mastermind, unha iniciativa que propón aos Estados membros a abordaxe desta doenza de maneira on-line e baixo a supervisión de persoal médico de atención primaria. 

No concreto, trataríase da aplicación de terapias cognitivo-condutuais xeridas pol@ paciente desde a súa morada e através de dúas áreas, a comezar polo desenvolvemento dunha solución tecnolóxica para a interacción entre doentes e médico. 

O obxectivo do programa é en boa medida aforrar cuestes nestes tratamentos porén, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza amosaron xa o seu "completo rexeitamento" a unha iniciativa que, defenden, "debe contar coa supervisión de psicólogos clínicos", un feito non previsto no programa, até o de agora presentado como un proxecto piloto. 

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza rexeita a iniciativa se non conta coa supervisión de psicólog@s clínic@s

Segundo o COPG "a formación que reciben os médicos e médicas de familia, como a que se imparte hoxe en Vigo para 50 profesionais, de catro horas de duración, resulta a todas luces insuficiente para abordar cun mínimo de rigor un trastorno como o da depresión, máis aínda cun tratamento experimental de telemedicina". 

Aliás, advirten, o asesoramento na diagnose e tratamento será desenvolvido por "especialistas en psiquiatría" embora ser presentado como un tratamento psicolóxico. Neste senso, lembran que "en atención primaria non hai profesionais de psicoloxía clínica, unha demanda que vimos realizando desde o Colexio desde hai moitos anos, xa que está recomendado polas organizacións internacionais e evitaría que trastornos que poden ser detectados e tratados nunha fase máis inicial deriven en complicacións maiores e teñan que rematar en atención especializada". 

O Colexio de Psicoloxía de Galiza lembra que nos últimos 2 anos na Oferta Pública de Emprego (OPE) da Administración galega non se convocaron prazas para especialistas en psicoloxía clínica e "hai prazas por xubilación que non se están a cubrir ou incluso se presta servizo externalizándoo a través de oenegués ou fundacións privadas".