Sergas permite que doentes infectocontaxiosos viaxen en ambulancias colectivas

Denuncia sindical

A CIG denuncia que o Sergas incumpre “de xeito consciente” o decreto de transporte sanitario ao permitir que doentes infectocontaxiosos sexan trasladados en ambulancias colectivas canda  outros enfermos, tal e como este sindicato, CCOO e UXT denunciaron esta fin de semana. A central lembra que xa lle advertira ás distintas áreas sanitarias dos riscos que esta práctica pode implicar para os condutores, as súas familias “e a poboación en xeral”.

 

Na CIG saen así ao paso das afirmacións dos responsábeis do Sergas tras a denuncia feita este sábado polo comité de empresa de Ambulancias do Atlántico (3 CCOO, 3 UGT e 3 CIG), concesionaria do transporte sanitario público na área de Vigo, nas que aseguran que a representación do persoal nunca puxo en coñecemento da administración a existencia de problemas no traslado de pacientes. Dende a CIG lembran que lle remitiron escritos e mesmo mantiveron xuntanzas coas distintas EOXI (Xerencia de Xestión Integrada) para abordar as condicións nas que se leva a cabo o transporte.

 

“O problema é que o Sergas non inclúe o persoal de ambulancias no protocolo de seguridade que si lles aplica os traballadores dos hospitais, así que nos atopamos con que os traballadores do transporte sanitario poñen en risco a súa saúde, a das súas familias e a da poboación en xeral ao estar en contacto con doentes infectocontaxiosos”, explica o responsábel do sector de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza. E isto é así porque o Sergas non os considera persoal sanitario xa que non traballan directamente para o servizo público, “polo que se rompe a cadea de protección que hai que aplicar con este tipo de doentes, orixinándose un problema de saúde pública ademais de laboral”. Como exemplo cita o que sucede na área de Vigo, “onde temos constancia de tres casos de pacientes con doenzas deste tipo que son levados a diálise aos que se lles aplica o protocolo de illamento no hospital, pero que tanto no transporte de ida como no de volta comparten vehículo con outros enfermos”.