A Galiza rexistra 253 casos activos de coronavirus

Test da Covid-19 (Imaxe: David Cabezón)
O número total de casos activos de coronavirus rexistrados na Galiza fica en 253 este domingo. Na área de Lugo hai catro casos menos ca onte, un máis en Vigo e outro en Pontevedra.

Galiza conta con 253 casos activos en coronavirus, segundo os datos emitidos pola Consellaría de Sanidade este domingo. Na área de Lugo son catro casos menos que os comunicados onte, mentres que en Vigo se rexistra un máis e outro en Pontevedra. As persoas curadas incrementáronse até as 10.940, o que supón 14 máis.

Do total de pacientes positivos, catro seguen en unidades de hospitalización convencional, un máis que onte; un na UCI e 248 en seguimento domiciliario, o que supón sete menos respecto a a xornada pasada. 

Dos 253 casos positivos, 199 corresponden á área sanitaria de Lugo (catro menos que onte), 19 á da Coruña e Cee (tres menos), 14 á de Santiago e Barbanza (sen cambios), 11 á de Vigo (un máis), catro á de Ourense (un menos), un á de Ferrol (mantense) e cinco á de Pontevedra (un máis). 

Dentro do total de casos rexistrados na Galiza hai un vinculado con centros residenciais, segundo indica Sanidade, que corresponde a un traballador, mentres as residencias seguen sen persoas usuarias infectados.