Estes son os tres medicamentos que monitoriza o Sergas pola súa escaseza

A escaseza pon en alerta o Goberno galego. (Foto: Europa Press)
Os problemas de subministración de determinados fármacos "medran cada ano", advirte Estrella López-Pardo.

O Sergas monitoriza nestes momentos as existencias de tres fármacos ante a súa escaseza: a amoxicilina pediátrica, antibiótico para tratar infeccións respiratorias; a terapia hormonal substitutiva (THS), recetada a miúdo contra os problemas derivados da menopausa, e medicamentos para a diabetes análogos ao GLP-1.

Así o confirmou esta quinta feira a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, durante a súa comparecencia na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego, para responder unha pregunta exposta pola deputada do BNG Iria Carreira, quen denunciou a "inacción" da Xunta ante este problema.

López-Pardo advertiu da "tendencia á alza" do desabastecemento nos últimos anos e concretou que, actualmente, a Consellaría de Sanidade mantén unha monitorización do stock destes tres medicamentos.

No caso da THS, agora é "mensual", porque "se está estabilizando"; e para os análogos do GLP-1 é "semanal". No que atinxe á amoxicilina pediátrica, dixo que os almacéns farmacéuticos "comunicarán cando entren" as novas existencias.

Traballo de "coordinación"

A xerente do Sergas cualificou de "complexa" a xestión do abastecemento de fármacos, que exixe unha "coordinación" por parte da Axencia Estatal de Medicamentos e Produtos Sanitarios, adscrita ao Ministerio de Sanidade. Este organismo é o que ten información actualizada dos problemas de stock que pode haber e a remite ás administracións territoriais.

En caso de confirmar problemas de subministración, na maioría de casos as opcións que presenta a Axencia pasan por indicar se hai existencia de alternativas no propio mercado estatal ou, en cambio, se hai algunha alternativa no estranxeiro que poidan cubrir as necesidades dos pacientes.

En base aos datos do organismo estatal, a responsábel do Sergas confirmou que estes problemas "medran cada ano". Nos últimos exercicios, as notificacións neste sentido duplicáronse, desde as case 700 até as máis de 1.300 ao ano. De feito, neste 2022 aínda persisten os problemas de subministracións orixinados pola Covid-19.

Sobre as causas, Estrella López-Pardo alegou que "son múltiples e moi variadas", principalmente de carácter global e non exclusivamente estatal. Por isto mesmo, explicou que as solucións "son difíciles de implementar", pero que o Sergas actúa "dilixentemente".

A deputada Iria Carreira aproveitou a súa pregunta para cuestionar un modelo sanitario que está depositado "en mans das farmacéuticas privadas" e dos "intereses económicos" das compañías. Iso si, non entrou a cuestionar o traballo que realizan as administracións públicas cos "controis de calidade" dos medicamentos.