Sanidade manterá este verán a mesma cobertura de 2024, marcada pola falla de medios e persoal
En 2024 houbo que agardar até comezos do mes de xullo para que a Consellaría de Sanidade tivese ben definido o seu plan de cobertura para o verán. Desta vez non houbo que agardar tanto. O conselleiro ao cargo desta responsabilidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou esta terza durante a súa comparecencia no Parlamento que o plan de cobertura será "o mesmo que o ano pasado, que foi un éxito". "Imos facer exactamente o mesmo", reiterou. Caamaño compareceu na Cámara para falar das políticas de vacinación da Xunta da Galiza, mais saltou o guión para realizar este anuncio en resposta ás críticas da portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, por estar ás portas do verán e non se sabe aínda cal vai ser a planificación [da cobertura sanitaria] para que non volva ser un caos". A resposta do conselleiro non deixa marxe a dúbidas: a cobertura será a mesma que en 2024, un verán que non estivo exento de problemas en diferentes comarcas e que desde organizacións sanitarias e plataformas da sanidade pública se chegara a cualificar de "caos" ou de "parche".
Os contratos ofrecidos aos residentes (MIR) que aínda non remataran a súa formación, as prolongacións de xornada nos centros de saúde, as gardas localizadas e as gardas a maiores das quendas habituais para manter a atención sanitaria da poboación en centros de saúde e PAC neses meses foron algunhas das medidas que o conselleiro deseñou na cobertura do estío para 2024. Un verán que principiou, ademais, co feche de 780 camas hospitalarias, 115 máis que en 2023, e con 243 prazas vacantes e ausencias de longa duración na Atención Primaria. Moaña (O Morrazo), Viveiro (A Mariña) ou Ponteareas (O Condado) foron algunhas das localidades onde houbo protestas e mobilizacións no verán pasado en protesta pola falla de persoal e de servizos en sanidade. O propio presidente galego, Alfonso Rueda, ten recoñecido a preguntas de Nós Diario que a situación da sanidade nos veráns na Galiza é "complicada". Mais o conselleiro, á vista do anunciado esta terza no Hórreo, mantén a mesma folla de ruta.
Melide, 800 nenos e nenas sen pediatra
Unha das protestas no pasado verán pasado foi en Melide (Terra de Melide) pola ausencia de atención pediátrica. Unha carencia que esta terza de novo volveu sacar á rúa veciñanza de Melide, Toques e Santiso. Ducias de persoas concentráronse ante o centro de saúde melidense, convocadas por un grupo de nais e pais.
"A comezos deste mes quedamos sen pediatra e sabemos o que adoita pasar, que no verán como non se cobren xa as vacacións do noso pediatra, quedamos sen este servizo", denuncia a Nós Diario María Gómez, unha das nais convocantes. "Temos 800 nenas e nenos que fican sen profesional de referencia", engade, e apunta que desde o Sergas non lles dan información.
A falla de pediatras foi outro dos temas que a oposición reprochou esta terza ao conselleiro no Parlamento. "Hai 200 concellos sen este servizo", criticou Prado. A portavoz do PP no debate, Esperanza Amigo, botou balóns fóra e dixo que era un problema "de toda España".
Vacinación
Gómez Caamaño compareceu para falar de vacinación e realizar diversos anuncios. Dixo que a Galiza tiña "o calendario de vacinación máis completo do mundo" e anunciou que a partir do día 26 deste mes ampliarase até os 21 anos a vacina contra o papiloma humano coa fin de inmunizar 24.500 varóns. Tamén que o vindeiro curso a Xunta ampliará a inmunización contra a gripe até os 11 anos, administrando a vacina intranasal e pondo en marcha un proxecto piloto nos centros educativos para 19.200 escolares; ou que a vacina de alta carga fronte á gripe administrarase tamén na faixa entre os 70 e os 79 anos na vindeira campaña.
"Moi ben, xa teñen o titular. Parabéns, póñase a medalla das vacinas. Pero, do resto de problemas que poñen en risco a saúde dos galegos, que?", ironizou Montse Prado, quen cualificou a comparecencia do conselleiro de "botafumeiro". Elena Espinosa (PSdeG) recoñeceu que a vacinación é unha área na que Galiza"non é un desastre", mais pediu que fale tamén "de Atención Primaria, de listas de espera, de saúde mental, da sobrecarga en diversos servizos e da falta de recursos, persoal e financiamento" no Sergas.
Protesta con arte na Mariña
Artistas plásticos da Mariña reuníronse no exterior do hospital comarcal, en Burela, para realizar unha 'pancarta-cadro' coa que pretenden simbolizar a "deterioración" do servizo sanitario como resultado do paso do tempo sobre a obra artística, que por desexo dos seus creadores debería ficar exposta á intemperie. "Somos pacientes do hospital, ademais de artistas", explica Pedro Cabarcos, un dos autores da pancarta. Xunto a Adri Pardo e a Neira Brochs, é un dos responsábeis desta acción que busca solidarizarse coas queixas recorrentes do persoal. A dirección do hospital ordenou a retirada da faixa unha hora despois da súa presentación.
Denuncian a "opacidade" do convenio con Povisa
A plataforma SOS Sanidade Pública denunciou a "opacidade" do convenio asinado pola Consellaría de Sanidade con Ribera Povisa para a atención de perto de 120.000 persoas da área Sanitaria de Vigo, solicitando un plan de investimentos co obxectivo de incrementar os recursos públicos. A plataforma levou a cabo unha concentración ante as portas do hospital privado, afeando ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que non informase das condicións do acordo antes de asinalo, unha vez que finalizou a negociación. A asociación lamentou que dita negociación fose nunha situación de "desigualdade" xa que, afirman, Sanidade "non dispón de recursos sanitarios públicos, nin materiais nin humanos, para atender 100% da cidadanía". "Ao non existir unha alternativa asistencial pública, a negociación deste acordo está condicionada polo grupo privado, cuxo obxectivo é incrementar os beneficios económicos dos seus accionistas", engadiron.
Por outra parte, o Sergas adxudicou ao hospital privado Vithas Vigo un contrato para derivarlle pacientes da área sanitaria de Ourense. É un acordo de tres anos, a 1,2 millóns de euros por exercicio, que lle permitirá operar 800 pacientes cada ano e tratar outros 200 en consultas
ou en ingresos.