Aumentan até 31 os concellos que terán restricións dende esta sexta feira

Cadeiras e mesas amoreadas nunha terraza fechada no Grove (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O Comité clínico que asesora a Xunta mantén no nivel máximo de restricións O Grove, Carballeda de Valdeorras e A Pobra. A Xunta non informa da decisión adoptada sobre o toque de recoller.

O Comité clínico que asesora a Xunta da Galiza na xestión da pandemia provocada pola Covid-19 acordou na súa xuntanza desta terza feira, 13 de abril, manter o nivel máximo de restricións para os concellos de Carballeda de Valdeorras, A Pobra do Caramiñal e O Grove. Neles, a hostalaría fica fechada, están prohibidas as reunións de non conviventes e o concello fica baixo feche perimetral.

Ademais, o comité de expertos determinou o estabelecemento do nivel alto de restricións en dez concellos galegos: Monterrei, Cortegada, Padrenda, O Barco de Valdeorras, Rubiá, Barreiros, Carral, Boimorto, Boiro e A Illa de Arousa. O nivel alto implica que a hostalaría só pode abrir nas terrazas, con capacidade de 50%, até as 21 horas. Permítense reunións de até 6 non conviventes 
no exterior e 4 en interiores. Instalacións deportivas, culturais e de culto non poden superar 30% de capacidade. Hai licerdade de mobilidade por todo o territorio, agás 
con concellos do nivel máximo.

Así mesmo, quedarán no nivel medio de restricións os municipios do Irixo, Trabada, Meira, A Pobra do Brollón, Muxía, Cambre, Ortigueira, Ribeira, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilanova de Arousa, As Neves, Gondomar, Vilaboa, Marín e Meaño. Este nivel implica que na hostalaría as terrazas non superen a capacidade de 50% e no interior 30%, até as 21 horas.
Permítense reunións até 6 non conviventes no exterior e 4 en interiores. As instalacións deportivas, culturais e de culto a non máis de 30%. Hai liberdade de mobilidade por todo o territorio, agás nos concellos do nivel máximo.
 

No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo: Na hostalaría as terrazas con capacidade de 75% e no interior de 50%, até as 21 horas, permítense reunións até 6 non conviventes no exterior e 4 en interiores, as instalacións deportivas, culturais e de culto a 30%; e hai libre mobilidade, agás concellos do nivel máximo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas da vindeira sexta feira, 16 de abril.

Sen información sobre o toque de recoller

Doutra banda, Sanidade non informou sobre a decisión adoptada polo Comité Clínico a respecto de implantar o toque de recoller ás 23 horas. Era unha das propostas que figuraba na orde do día da reunión das persoas expertas, máis aló da avaliación de datos e da evolución da pandemia, que muda a configuración do mapa de restricións da Galiza por niveis. 

Tampouco se informou de mudanzas no horario de apertura da hostalaría. A este respecto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou esta terza feira, 13 de abril, na sesión plenaria do Parlamento que a Consellería exixirá reservas ou citas previas, un rexistro de clientela e a instalación de medidores de CO2. Serían estas medidas adicionais á ampliación do horario no sector.

Neste sentido, o conselleiro puxo de manifesto que, de acordo aos datos "estábeis" na Galiza, está a realizarse un "especial esforzo" para avanzar no plan dunha "hostalaría segura" e para permitir que os estabelecementos abran durante máis horas, pois actualmente deben fechar todos ás 21 horas. Esta posibilidade, con todo, está condicionada ao aprazamento do toque de recoller, instaurado agora nas 22 horas.