O Sergas, obrigado a indemnizar á familia dunha cativa falecida tras unha diagnose tardía

Urxencias do CHUS, en Compostela (Foto: Nós Diario).
A Xustiza exime a médica que a atendeu, pois lle administrou o tratamento "para a diagnose máis evidente", mentres o avogado da familia insiste en que a rapaza "non tivo unha atención axeitada" por parte do sistema sanitario público.

O Sergas indemnizará con 80.000 euros á familia dunha nena de catro anos, da zona do Baixo Miño, que faleceu debido a unha infección non diagnosticada a tempo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Segundo trasladou o equipo legal que representou á familia, encabezado polo avogado Cipriano Castreje, a cativa padecía leucemia en fase de remisión e fora intervida en abril de 2014. En novembro dese mesmo ano foi levada ao hospital ao presentar náuseas, vómitos, taquicardia e malestar xeral.

O persoal que a atendeu tratouna con paracetamol e a administración de fluídos, mais a rapaza non mellorou. Xa de madrugada, a nena empeorou o seu estado e o persoal facultativo de garda decidiu manter unha "actitude expectante" á espera da súa evolución, ao considerar que non había ningún cambio a respecto da situación previa. Con todo, minutos despois a pequena entrou en parada cardiorrespiratoria e acabou falecendo.

A familia presentou unha reclamación ao Sergas e lembrou que, ao seu ingreso no hospital, a nena foi sometida a unha analítica de sangue pero non a unha proba PCR para a detección de infeccións. De feito, o resultado do hemocultivo da cativa, coñecido posteriormente, foi positivo para a bacteria staphilococus aureus.

A administración estimou parcialmente a reclamación, e estableceu unha indemnización de 50.000 euros para a familia, mais esta recorreu e agora a compensación aumentouse até os 80.000 euros, tras a estimación parcial do recurso por parte do xulgado do Contencioso Administrativo 1 de Compostela.

Na sentenza, o xuíz sinala que a médica administrou á nena o tratamento para a "diagnose máis evidente", que era unha reacción á quimioterapia, polo que a súa decisión non pode considerarse mala praxe.

"Perda de oportunidade"

Porén, si admite que houbo unha "perda de oportunidade", porque non debeu descartarse unha infección xa que os síntomas tamén eran compatíbeis. "Para iso bastaba con prescribir unha PCR, que neste caso se fixo, pero tarde", sinala a resolución xudicial. Aliás, malia que a rapaza padecía leucemia e tiña afectado o seu sistema inmunitario, "tamén constan en autos informes que acreditan que, de terse diagnosticado antes a infección e ter podido fornecer o tratamento antibiótico pertinente, as posibilidades de que a nena puidese remontar non eran desdeñosas".

Por iso, estabelece que a familia debe ser indemnizada cun total de 80.000 euros, dos que 50.000 xa foron recoñecidos polo Sergas. En todo caso, o avogado Cipriano Castreje confirmou que a familia apelará a sentenza e lembrou que o propio Sergas "recoñece" que a exploración reflectida nas notas clínicas "parece escasa" se se teñen en conta as "recomendacións das guías de Urxencias Pediátricas", e insiste en que a nena non tivo unha atención axeitada.